Baladiña da propia escuridade
Tan afeito estou a esta escuridade
que os meus cansados ollos
xa non olla esa raioliña,
fírgoa de luz, só murmurio, agonía
case do resplandor máis neno
que agroma como unha violeta
no fondo escusado de min mesmo.
Tan pobre estou que unha brétema
pechada, densa e tebregosa
xa me semella sol resplandecente
que me deslumbra, cega e aniquila.
Compendio de orballos e incertezas
(1991)
Ningún comentario:
Publicar un comentario