A ternura non canta
anacos de lúas e de bágoas.
Tolemia, raíña de ollos verdes,
rondó galante de albas teas
ou vento simple con bandeira.
Afáns de mágoas moi fermosas
que tremolan nun ronsel
de outonías de lividez encadeada.
Rodeiras fiadas en ronsel
por noiteboa. Sorrisos
de virxes neoclásicas
que endexamais colleron no meu peito.
Cando morra hei de saloucar
por un luceiro frío,
brillante e pensativo.
Cando morra
hei de nomear a Deus
moi amodiño, por medo de
mancalo cos meus beizos.
Algún amigo
quizabes sentirá a miña morte:
e a miña noiva entón
hame de querer un pouco máis no mes seguinte.
Peiraos. Azul e máis azul.
Unha gaivota estrea un traxe novo.
Elexías á miña vida pequeniña (2004)
Ningún comentario:
Publicar un comentario