-¿Onde camiñas, pastor,
con esa branca ovelliña?
-¡Voulle levar ao Deus Neno
a miña ofrenda cativa...!
-Xa viñeron os Reis Magos
a ofrendarlle ouro e mirra
e a incensalo con incenso
que moi bo recendo tiña.
-¡Eu non teño que lle dar
máis que esa ovella cativa
que o Neno Deus agradece
co lirio dunha sorrisa...!
-Viñeron os Reises Magos
tripando moitos camiños
e por onde eles pasaban
ata a noite relucía.
Eran mouros os criados
que de paxes os servían,
moi briosos os cabalos
e lucida a comitiva.
En grandes arcós de prata
ricos presentes traguían.
¡Aló, no alto do ceo,
unha estrela estrelecida
ás folerpiñas de neve
co seu brillo derretía!
San Xosé estaba ledo.
Moito máis leda María.
O Neno Deus, no barrelo,
como un sol novo sorría.
-¡Eu non teño que lle dar
máis que esta ovella cativa
que o Neno Deus agradece
co lirio dunha sorrisa...!
Entre a neve e o corisco
o pastorciño camiña.
E no fondo dos seus ollos
unha estrela brilla, brilla:
¡aquela que aos Reises Magos
servira de norte e guía...!
Panxoliñas (1992)
Ningún comentario:
Publicar un comentario