Vou a ti decote cada día
co ollar enmallado nunha nao
que o vento desfiaña pouco a pouco
na espuma dorida do teu peito.
E brillas nesa espuma
sedenta dunha luz tremelucente
que escintila nunha bágoa xa ferida
na manteliña prateada dunha estrela.
Vou a ti, sedento de saloucos
e de brétemas,
depenicando alalás entre a follaxe
acesa por folerpas que fuxían
no afiado coitelo do sorriso.
(Non debullo lonxanías polo ermo
nin o vento morno me desvía).
Vou a ti deixando nun luceiro
unha vella ronseira que se afoga
nun estraño fío prateado
que garda un chirlo amorosiño.
Ollo fuxir cara o nordés un pensamento
que vai só para ti, para que che diga
a mensaxe calada dun retorno.
Muiñeiro de brétemas (1950)
Ningún comentario:
Publicar un comentario