venres, 8 de decembro de 2023

Utilidade d@s amantes

 

Cómpre coidar do único que é útil 

neste estraño mundo embarullado:

o amor que a vida sementou

na terra escura de nós mesmos:

e facelo flor, árbore, paxaro,

froito comprido e xeneroso,

cotián costume.

A única tarefa,

o oficio máis perfecto e proveitoso,

a decisión máis urxente e precisa

é cultivar o amor,

procurar que non morra

a súa chama sutil e delicada,

única luz que nos aluma,

que ilumina

os retortos cantos do noso ser

até os facer humanos,

lúcidos,

habitábeis para sempre.

É doloroso o ir despíndose

da miseria que nos habita,

do egoísmo que nos posúe,

da tebra que nos cingue,

da carraxe e do ocio que nos ten

con cadeas de morte escravizados.

Soamente nos cumprimos no amor.

E unicamente o amor é verdade.


       Cecais hai unha luz, 2010

domingo, 20 de agosto de 2023

Lonxanías

 

Os anos levan nos cornos
salgueiros de carne viva,
cereixeiras de ilusiós mortas.


O vento afalaba ao gando 

nas altas herbas molladas

con doces bicos de orballo
que recenden labrandío

na penumbra dunha ponla 
que eu sinto no vento morno 
cando pronuncio o teu nome.


Os ventos e os anos longos
que o tempo non esbravexa
fálanme sempre de ti
cal si falasen dun morto.


O nordés e o vento obrizo
sempre se achegan a min.
¡E o teu rodicio de verbas
hai tempo xa non o oín!


                      Muiñeiro de brétemas (1950)

mércores, 9 de agosto de 2023

Beleza e plenitude

 

Deixade que o voso corazón se abra
á beleza deste noso mundo
tan carnal, amigo e amoroso:
á luz clara e máxica dos días,
ao engado das noites,
á musica de toda a creación
e aos silencios pechados nos que
cada un de nós pode estar oíndo
o inquedante latexar de si mesmo
en harmonía con canto existe e estivo,
algunha vez, no ser das cousas.
Amade sempre á terra nosa nai
e cada vez seredes máis humanos
e cecais poderemos comprender
que só o amor nos leva ao éxtase:
único xeito de unión
coa plenitude total do universo.

        Compendio de orballos e incertezas (1991)


sábado, 8 de abril de 2023

A palabra

 

Nós, de verdade, unicamente temos
a palabra. Só a palabra verdadeira
pode traducir a pechada
e insondable soidade do noso ser.
Só a palabra, a propia,
a que pertence á nosa lingua.
A que amamos. A que usa,
coñece e recoñece a nosa xente.
Sen a palabra sería a pobreza,
a miseria total, a impotencia
a escuridade e o non ser.
Mais hai quen manipula, forza,
retorce, desfai e prostitúe
o auténtico senso da palabra.
Hai quen minte. E aínda hai
o frío, feroz asasino da palabra.


                    A luz resucitada (1984)