Amosando publicacións coa etiqueta Cecais hai unha luz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cecais hai unha luz. Amosar todas as publicacións

venres, 8 de decembro de 2023

Utilidade d@s amantes

 

Cómpre coidar do único que é útil 

neste estraño mundo embarullado:

o amor que a vida sementou

na terra escura de nós mesmos:

e facelo flor, árbore, paxaro,

froito comprido e xeneroso,

cotián costume.

A única tarefa,

o oficio máis perfecto e proveitoso,

a decisión máis urxente e precisa

é cultivar o amor,

procurar que non morra

a súa chama sutil e delicada,

única luz que nos aluma,

que ilumina

os retortos cantos do noso ser

até os facer humanos,

lúcidos,

habitábeis para sempre.

É doloroso o ir despíndose

da miseria que nos habita,

do egoísmo que nos posúe,

da tebra que nos cingue,

da carraxe e do ocio que nos ten

con cadeas de morte escravizados.

Soamente nos cumprimos no amor.

E unicamente o amor é verdade.


       Cecais hai unha luz, 2010

venres, 23 de decembro de 2016

A orixe da claridade

Soamente a fonte é a orixe
da música amorosa
das palabras,
o misterio que a terra
garda na súa entraña
e sae á luz
para lle dar senso
ao caos neboento.
A fonte é a matriz
que endexamais cansa
e cumpre
sinxela e fatalmente
os ritos da existencia
nunca rematados
e comezados sempre.
As fontes son os ollos
abertos e estantíos
das entrañas da sombra
a contemplar o mundo.
As fontes son feridas
semellantes a beizos
das que agroma
o sorprendente sangue
das cancións namoradas,
xa claridade irreversíbel.


Cecais hai unha luz (2010)

xoves, 11 de agosto de 2016

A auga diversa

A auga é inocente,
virxe,
pura
e delicada.
A auga é tremor,
entrega núa
e absoluta.
Pola noite
a auga ten
voz de violín.
A auga é amencer
que se reflicte
nas nubes,
espello
que contempla
a propia fermosura.
A auga ao serán
é melancólica:
pozo escuro
de tristura
no que se afogan
lúas sentimentais
e tímidas
estrelas namoradas.

Cecais hai unha luz (2010)


sábado, 26 de marzo de 2016

Somos de terra

Hai unha terra vermella,
barro de que estamos
construídos
os homes e os cacharros,
cousa perecedeira,
asubío tépedo
que remata en salouco,
paixón potente que rebenta
coa mesma sinxeleza
con que nace unha fonte
ou unha flor:
cecais unha papoula,
ferida que nunca
acaba de escoar
e sangra sempre.
Hai unha terra branca
e irreal que é o país
por que navegan
as humildes naos
dos nosos soños.
E hai tamén unha terra
moura e fonda
onde nace a noite
e se apega teimuda
aos nosos pés,
turrando por nós
para nos levar
a ese lugar de que
non temos
noticia nin lembranza.

Cecais hai unha luz (2010)

domingo, 17 de xaneiro de 2016

De onde vén todo

Soamente a terra
nos pode fornecer
os elementos
para construírmos
o noso lar:
a árbore
que deu pousada
a ventos e paxaros;
a pedra
-a nobre
e dura
cantaría-
petada
polas choivas,
labrada e roída
polos xeos,
agarimada
tenramente
pola feble e sabia
man do home;
o xisto escuro
e plano
que serve
de lousado;
o vidro
que peneira
a luz
e enche o lar
de claridade.
E o amor
que convive
connosco.

Cecais hai unha luz (2010)

domingo, 18 de outubro de 2015

A música da choiva

A auga é un salouco lene
que nos foxe das mans
deixándonos
unha lembranza
entre doída e melancólica.
Sinto a música da choiva,
petando contra o chan,
chorando
nos vidros das fiestras,
ensumíndose na terra
para rexurdir
sinxela e auroral
no misterio das fontes,
nos regueiros,
no río solemne e poderoso,
na pinga de orballo
que coroa de luz
a testa da rosa ruborosa.
A auga é case ar,
esencia inapreixábel,
caravel irreal,
claridade sen sombra.
E hai nubes
desnortadas e tolas
semellantes a pétalos
que soamente son auga
emigrada/exilidada.

Cecais hai unha luz (2010)