sábado, 3 de xuño de 2017

O lugar da luz e da música

A horta foi xardín ledo, moi fermoso
e limitaba coas nubes e coa aira.
Nun recanto medraba unha abelaira
e noutro, un cedro xigante e poderoso.

Nós lembramos aquel edén umbroso:
a claudieira, a cerdeira e a mazaira
nas que a brisa -música lizgaira-
arrincaba un son ledo e señardoso.

Naquel edén, á sombra do loureiro,
rebentaban os nosos ensoñares
con mainos cintilares de luceiro.

Alí non sentía coitas nin pesares:
¡eu era o universo, o mundo enteiro
ateigado de luz e de cantares...!

Sonetos á casa de Hortas (1997)


venres, 2 de xuño de 2017

Sireas na cidade

Cando brúa unha sirea
polas rúas da cidade
a xente ponse inqueda
e perde a tranquilidade.

Cando brúa unha sirea
co seu estridente son
¡a xente sinte a angustia
baterlle no corazón...!

Cando brúa unha sirea
con barullo escandaloso,
todo o mundo se pon triste,
silandeiro e temeroso.

Cando brúa unha sirea
de ambulancia ou policía:
¡o seu berro é un coitelo
de folla aceirada e fría!

Cando brúa unha sirea
de policía ou bombeiros:
¡o seu bruar mete medo
cos seus laídos tristeiros!

As rúas do vento ceibe (1979)

xoves, 1 de xuño de 2017

O saúdo dos altos cumes

Nestas soidades nidias do Xistral,
na compaña de nubes e lavercas,
veciño do Cadramón e a Pena Guía,
ollando o nacemento do Masma,
do Eume do Landrove, eu só son
unha palabra, un chío, un case nada
varrido polo vento e a chuvia.
Desde aquí adivíñanse e saúdanse
os altos cumes da Galiza:
Pía-paxaro, Pena Trevinca, Faro,
Pico de Avión, Pena Corneira,
Serra de Meira, Ancares, Manzaneda,
singular e senlleiro Pico Sacro
ferido polo lóstrego e a lenda.
Teimo e cismo no Cristo de Fisterra,
no San Andrés de Teixido,
na Nosa Señora da Lanzada,
na Santa Marta de Ribarteme,
na Santa Isabel de Outeiro de Rei,
na Señora Saleta de Astureses,
na Virxe da Barca e no Corpiño.
Enchenseme de brétema as lembranzas
e unha nube inmensa de tristura
cae, como unha sombra, nos meus ollos.
Sinto a acesa canción dunha laverca
coa súa voz de luz e terra namorada:
trátase da ave prodixiosa que
canta, desde o século trece,
na inesquecíbel cantiga do Rei Sabio.

Versos do lume e do vagalume (1982)