Amosando publicacións coa etiqueta Sonetos á casa de Hortas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sonetos á casa de Hortas. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de setembro de 2022

Raiceiras


Lembro con gran garimo ós meus avós
Antonia, Manuel e máis Consuelo

que me tapaba sempre cun mantelo
e me arrolaba con versos e canciós.

Manuel e Antonia eran os de Outeiro.
A miña aboa Consuelo A Quiroguesa,
a nai de miña nai, de verba acesa,
tiña un falar fermoso e cantareiro.

Foi, miña avoa Antonia, espello fiel
da camelia, da rosa, da azucena,
da xenerosidade e da enteireza...

Cando ela faleceu, o avó Manuel
entroulle tal dolor, tan grande pena
que morreu de saudade e de tristeza.

Sonetos á Casa de Hortas, 1997


sábado, 22 de setembro de 2018

Feira en Rábade

Hoxe cadrou a sábado, vaia. Iso si, as horas pasaron voando esta tarde en Outeiro, cheas de contos de Rábade e arredores: A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo deunos moito que falar...


¡Nosas feiras de Rábade e Gaioso,
a do Monte, Friol, Adai, Nadela!
¡A de Castro de Lea había que vela
e mesmo a de Gaibor, no Barrazoso!

¡Ouh feirón de Vilalba, fabuloso!
¡Miñas feiras de Meira, San Froilán,
As San Lucas, Moncelos e Gontán...!
Lonxe, toda unha lenda, Monterroso.

Discorrían, na casa, as horas lentas
e, se alguén evocaba algunha feira,
revivíanse tratos, mercas, ventas...

Eran, as feiras, vida verdadeira
coas súas desilusiós, as súas enchentas
e as súas horas de leria e brincadeira.

Sonetos á casa de Hortas (1997)

sábado, 3 de xuño de 2017

O lugar da luz e da música

A horta foi xardín ledo, moi fermoso
e limitaba coas nubes e coa aira.
Nun recanto medraba unha abelaira
e noutro, un cedro xigante e poderoso.

Nós lembramos aquel edén umbroso:
a claudieira, a cerdeira e a mazaira
nas que a brisa -música lizgaira-
arrincaba un son ledo e señardoso.

Naquel edén, á sombra do loureiro,
rebentaban os nosos ensoñares
con mainos cintilares de luceiro.

Alí non sentía coitas nin pesares:
¡eu era o universo, o mundo enteiro
ateigado de luz e de cantares...!

Sonetos á casa de Hortas (1997)


sábado, 20 de maio de 2017

Fame de amor

¿Vén familia de fame ou de que vén?
Fame de amor, de fe, de claridade,
de beleza total, de eternidade.
Fame de aquel que tivo e xa non ten.

Non quero misericordia de ninguén:
amar por compaixón é caridade.
Un prefire pasar necesidade
que renunciar a ser home de ben.

A familia é o desexo do perfeito
onde queremos gozar lar e abrigo,
seguranza, compaña, amor e teito.

Mais a familia tamén é ese amigo
que, xenerosamente, está contigo
sen ollar intereses nin proveito.

Sonetos á casa de Hortas (1997)

domingo, 9 de abril de 2017

Lugares de encontro

Foi o comedor de abaixo o preferido
para xantar de vrao. O resto do ano
comíase na cociña, tras do escano,
ao amor dun fogueirón ben acendido.

O comedor coas xentes de cumprido
mostraba o seu rostro máis humano:
sentíase satisfeito, ledo, ufano
ao librarse da soidade e do olvido.

Na cheminea queimábanse piñeiros,
freixos, mágoas, toxos, silvas, bidos,
lixos, morrallas, carballos, amieiros.

Aínda hoxe, na cheminea, arde e fumea
a escoria incombustíbel dos olvidos.
¡Que fume tan cheirento!¡E non lapea!

Sonetos á casa de Hortas (1997)

sábado, 18 de marzo de 2017

O misterio

O cuarto do reloxio era o santuario,
a estancia de respecto, a máis coidada,
a máis grande tamén e a máis amada
onde acontecía só o extraordinario.

Era o lugar da festa de do velorio,
o espacio da mágoa e da alegría,
o lugar reservado para un día,
unión de permanente e o transitorio.

Cunhos tictac seguros e profundos
aquel vello reloxio imperturbábel
marcaba vidas, séculos, segundos...

Habitado de enigmas, grave e serio,
inquedante, cumprido, impenetrábel:

¡o cuarto do reloxio era o misterio!

Sonetos á casa de Hortas (1997)

venres, 6 de xaneiro de 2017

Os outros reises

Facíamos a matanza un par de veces:
unha polo Nadal, outra por Reises:
era un rito antiquísimo. As súas leises
cumpríanse tal cal, sen rixideces.

¡Que animais enormes e lustrosos!
¡Que gusto daba ollalos ben lucidos,
estouraban de grosos e mantidos:
non había porcos máis fermosos!

¡Qué desolada tristeza oír e ver
aos marraus ben cebados e chillós
inutilmente negándose a morrer!

¡Mais que alegría a festa dos roxós
e posuír un bon celeiro para ter
os lacós, os chourizos e os xamós...!

Sonetos á casa de Hortas (1997)

mércores, 12 de outubro de 2016

A nogueira totémica

Esta grande nogueira, tan frondosa,
que trouxo nosa nai de Vilanova,
foi doncela lanzal, rapaza nova,
árbore competente e ben fermosa.

A súa copa, xigante e rumorosa,
que cada primavera se renova,
serve aos paxaros de niñal e alcoba
e, aos ventos, de lira cadenciosa.

Ela era a enseña totémica do clan:
ademais de canciós, dábanos noces
e unha sombra fresquiña cada vran.

Sonlle fiel á nogueira: tal un can.
No fondo de min van as súas voces
¡e fálanme ao corazón como un irmán!

Sonetos á casa de Hortas (1997)

mércores, 7 de setembro de 2016

O encontro

Cando Saleta entrou por vez primeira
na casa petrucial dos vellos Hortas
abríronse, por si, todas as portas
e emocionáronse o cedro e a nogueira.

E, con Saleta, chegou a Primaveira
e deulle nova vida ás seivas mortas
que rebentaron, pasmadas e absortas,
enchendo de luz e neve a horta enteira.

E toda a casa sorriu agradecida.
Semellaba unha flor a súa sorrisa:
a rosa máis ruborosa e acendida.

Saleta, silenciosa e conmovida,
sentiu no corazón a mao da brisa
e como entraba a casa na súa vida.

Sonetos á casa de Hortas (1997)

venres, 15 de xullo de 2016

A raíz

A nai era a vontade e a enteireza,
a voz dos devanceiros e da terra,
a loita, a teimosía, a xorda guerra
contra a preguiza, a fame e a pobreza.

E aínda a súa palabra clama e berra
axotando soidades e incerteza.
Logrou vencer desgracias e tristeza.
E sabía que o xusto, ás veces, erra.

Era a casa de pe: segura, ergueita.
A tradición firme, a liña dereita
como o cedro da horta ou a nogueira.

¡A nosa nai foi grao, flor e colleita!
¡Que existencia exemplar e verdadeira!
¡Que tarefa cumplida! ¡E que ben feita!

Sonetos á casa de Hortas (1997)

martes, 12 de xullo de 2016

O norte

O meu pai era un home bo, paciente,
sinxelo, tolerante, preocupado
cos lerios do concello, co ganado
ou cunha viaxe súpeta e urxente.

Era o xefe do clan. O confidente.
O ser máis xeneroso, o confiado.
O amigo de respecto, o respectado.
Aquel no que fiaba toda a xente.

A vida foi, para el, un campo aberto
que sementou de luz e de alegría,
recolleitando amor, garimo certo.

Agora lembro ao pai na lonxanía...
E sinto a súa presencia tan de perto
que me sirve de exemplo, norte e guía.

Sonetos á casa de Hortas (1997)


sábado, 23 de abril de 2016

O ronsel de palabras da casa de Hortas

No día dos libros, máxicos druidas da palabra, lendo un poemiña do Manuel na casa de Hortas, non puiden menos de lembrar este soneto no que o poeta se refería a presenza de grandes voces da literatura galega nese espazo, referencia constante para el:

Na casa estivo Ánxel Fole -¡si señor!-
Merlán, Gamallo, Pousa, Novoneyra,
Lois, Díaz Castro, Senén coa compañeira,
Alfonso, Estévez, e Ledo e Blanco-Amor...

As estancias aínda gardan o rumor
daquelas súas palabras feiticeiras,
a conversa xentil, as boas maneiras,
a requintada gracia, o fino humor...

Só acredito no certo da incerteza:
un triste fado, silencioso e cruel,
levounos, sen razón, tanta riqueza.

Pro agradecémoslle ao tempo a xentileza
de lle deixar aos Hortas un ronsel
aberto pola luz cara á beleza...

Sonetos á casa de Hortas (1997)

sábado, 12 de marzo de 2016

Enraizad@s

Hoxe, de novo, un feixe de persoas arremuíñase na Casa de Hortas, para asistir á presentación do libro-disco A voz do vento, ilustrado por Jano e no que Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel poñen música rock a poemas de Manuel María. Como non podía ser doutro xeito, entre os presentes atopábase Saleta, a quen o poeta chairego sempre facía presente nos seus versos:

Eu, que ía pra maorazgo ou vinculeiro,
da grande e vella casa de labranza,
perdín -cousas da vida- tal herdanza,
que o destino marcoume outro roteiro.

E convertinme case en extranxeiro,
nun excluído da fe e da esperanza,
do que moito se esforza e non alcanza
a condición auténtica de herdeiro.

Usei o tempo, teimudo e ilusionado,
na procura do lugar máis axeitado
para vivir a vida verdadeira...

E todo inútil. Non din enraizado.
Gracias a ti, Saleta, compañeira,
non ando polo mundo desnortado.

Sonetos á Casa de Hortas (1997)

sábado, 30 de xaneiro de 2016

Saleta na casa de Hortas

Hoxe algúns e algunhas andamos a chaira seguindo as referencias poéticas de Manuel María a diferentes espazos localizados nesa comarca lucense. Esta andaina vai quedar recollida en distintos poemas que irán aparecendo aquí. O percorrido iníase, como non, na propia Casa Museo, lembrando o encontro da vivenda dos Hortas e a compañeira vital do poeta, Saleta:

Cando Saleta entrou por vez primeira
na casa petrucial dos vellos Hortas
abríronse, por si, todas as portas
e emocionáronse o cedro e a nogueira.

E, con Saleta, chegou a Primavera
e deulle nova vida ás seivas mortas
que rebentaron, pasmadas e absortas,
enchendo de luz e neve a horta enteira.

E toda a casa sorriu agradecida.
Semellaba unha flor a súa sorrisa:
a rosa máis ruborosa e acendida.

Saleta, silenciosa e conmovida,
sentiu no corazón a mao da brisa
e como entraba a casa na súa vida.

Sonetos á Casa de Hortas (1997)

sábado, 23 de xaneiro de 2016

O abismo do tempo

Non sei o que me falta: se é a casa,
a infancia tan lonxana, os devanceiros
ou aqueles ensoñares verdadeiros
que o tempo co seu paso pisa e arrasa.

Unha frecha mortal fire e traspasa
os nosos matinares ventureiros
deixando sombra, cinza, intres baleiros,
unha ilusión que murcha e fracasa.

Cecais casa e lembranza son o mismo:
a teima que me ten e na que cismo
sen poder acougar nesta porfía...

O cego aquel son eu que me descrismo
contra a rocha da propia teimosía
e que, ás roladas, vou cara o abismo.

Sonetos á casa de Hortas (1997)

xoves, 10 de decembro de 2015

Outro espazo máxico

A casa erguida con xisto e cantería,
por obra dos avós, era fermosa.
Aí está: forte, firme, fachendosa
chea de beleza, prestancia e harmonía.

Toda ela é unha lección de xeometría,
unha doce tenrura pudorosa,
unha lareira tépeda, amorosa
e un deslumbrante sol ao mediodía.

A presenza da casa é imborrábel:
unha fonda experiencia que vivín
de maneira fatal e irrenunciábel.

Nesta casa eu nacín, amei, sufrín...
A súa memora, firme e perdurábel,
que lembranza conservará de min?

Sonetos á Casa de Hortas (1997)

domingo, 15 de novembro de 2015

O curral da casa

A nobre antesá da casa é o curral
de durísimo e firme pavimento
feito de pedra gra, xisto, cemento
e a sombra da nogueira alta e lanzal.

A súa parede é fronteira, antemural
dun vivir antergo, íntimo e lento
que sinte latexar cada momento
co seu rimo puro, sinxelo e natural.

O curral silencioso, amurallado,
con parede de laxe, forte e parda,
na que medraba un mofo verdegado.

O curral defende á porta e á bufarda,
ás chaminés, ás fiestras, ao lousado.
E sérvenos a nós de amparo e garda.

Sonetos á cada de Hortas (1997)


sábado, 3 de outubro de 2015

O lugar onde comeza a Terra Chá

Percorrer a Casa Museo de Manuel María aproveitando a xornada de portas abertas para o profesorado, organizada pola fundación, fai tan doado entender os sonetos do poemario que lle adicou o autor á súa casa petrucial...

O longo corredor, aberto á vida,
era adorno da casa, a súa sorrisa.
E nel pasaba o tempo tan de prisa
que non percibía un a súa fuxida.

No noso corredor moraba a brisa;
unha sombra modesta, recollida,
a claridade maina da amencida
e os ventos finxindo pranto o risa.

Dendes o corredor a Chaira inmensa
semellaba un universo sen confín,
unha gran señardade fonda e densa.

A Terra Chá comeza onde eu nacín.
E morre, cunha agonía longa e tensa,
nun lugar secreto e íntimo de min.

Sonetos á Casa de Hortas (1997)


xoves, 6 de agosto de 2015

Dous amores ata o fin dos tempos

Este soneto pecha o poemario que o autor adicou á casa patrucial en Outeiro de Rei, coñecida como "casa de Hortas":

Agora, que gastei os meus outonos
e ben entrado xa no propio inverno,
acredito no fugaz e no eterno
e só me asusta o raio, non os tronos.

Un, dende fai moitos anos, comprendeu
qie todo é asegún e relativo
e ninguén é tan bo nin tan cativo
nin podemos prescindir do propio eu.

Gardo dentro de min toda a fragancia
dos amados rincós da miña infancia
e os recendos que tiña a vella casa.

Foi chama o meu amor. Agora é brasa.
Saleta sempre. Perdón pola arrogancia:
"A luz é poderosa. A tebra, escasa".

Sonetos á casa de Hortas (1997)