No día dos libros, máxicos druidas da palabra, lendo un poemiña do Manuel na casa de Hortas, non puiden menos de lembrar este soneto no que o poeta se refería a presenza de grandes voces da literatura galega nese espazo, referencia constante para el:
Na casa estivo Ánxel Fole -¡si señor!-
Merlán, Gamallo, Pousa, Novoneyra,
Lois, Díaz Castro, Senén coa compañeira,
Alfonso, Estévez, e Ledo e Blanco-Amor...
As estancias aínda gardan o rumor
daquelas súas palabras feiticeiras,
a conversa xentil, as boas maneiras,
a requintada gracia, o fino humor...
Só acredito no certo da incerteza:
un triste fado, silencioso e cruel,
levounos, sen razón, tanta riqueza.
Pro agradecémoslle ao tempo a xentileza
de lle deixar aos Hortas un ronsel
aberto pola luz cara á beleza...
Ningún comentario:
Publicar un comentario