Avión a reacción, ave sonora,
bolboreta famenta de luar,
lóstrego case,
salouco no espacio sideral
ao que a luz e o sonido
a penas poden ollar un intre só,
unicamente milleiros de segundos:
as árbores son para ti como bandeiras,
os ríos como liñas indecisas,
serras e montes tal como valados,
como puntos pequenos as cidades
e os estados e as naciós
como eidos familiares
nos que non se distinguen
alfándegas, marcos e fronteiras.
Avión a reacción, que cantas
unha canción monótona e mecánica,
é a ti, ave máxica e cotián,
a quen pregunto polo home
para que me digas
a xorda traxedia e miserábel
dos nosos emigrantes/proletarios.
Catavento de neutrós domesticados
(1979)
Ningún comentario:
Publicar un comentario