mércores, 20 de abril de 2016

O cancro de Galiza

Outra de tantas cuestións nas que Manuel María, por desgraza para os galegos e as galegas, segue tendo vixencia, é súa percepción da emigración coma un mal endémico desta terra:

A emigración

Hai un cancro que nos roe,
hai un cancro roedor:
¡un tumor, maligno e feo,
que nos enche de terror!

Hai un cancro moi antigo
que semella non ter cura:
¡causa mágoas, causa dores,
causa bágoas e tristura!

Hai un cancro moi activo,
hai un cancro moi podente,
¡que desfai a nosa patria
e destrúe a nosa xente!

Hai un cancro moi terríbel,
purulento e vergonzoso.
¡Hai un cancro moi noxento
que aniquila ao pobo noso!




Hai un cancro moi activo
que destrúe lentamente,
que desfai a nosa patria
e nos leva a nosa xente.

Hai un cancro arrepiante
que só vive da inmundiza
e que zuga, día a día,
todo o sangue de Galiza.

Ese cancro que nos mata
e remata coa nación
ten un nome moi concreto
que se chama: ¡EMIGRACIÓN!

As rúas do vento ceibe (1979)

Ningún comentario:

Publicar un comentario