Amosando publicacións coa etiqueta 1994. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1994. Amosar todas as publicacións

domingo, 6 de novembro de 2016

Romance da xacia de Vilar de Ortelle

Vilar de Ortelle é lugar
do concello de Pantón:
alí o Miño ten pozos
que causan admiración,
dos que se serven os xacios,
pequena e estraña nación
que no máis fondo da auga
fixeron habitación,
¡estaban sen bautizar
e non tiñan relixión!

Nunha ocasión un veciño
que foi ao río a pescar
ollou xacia ben fermosa
que se estaba a peitear
e pediulle casamento
sen podelo remediar.
A xacia dixo que si,
mais para poder casar
había un impedimento
ao estar sen cristianar.
Con auga de río o galán
bautizouna sen tardar:
volveuse a xacia unha moza
que era cousa de pasmar.
Casaron. Tiveron fillos
que daba gloria mirar,
pero das augas do río
non os podían tornar.
O pai enfadouse un día,
díxolles: ¡Fillos de xacia,
ben vos podedes marchar!
A xacia que tal oía
sentiu moi grande pesar,
pillou camiño do río
e decidiu non voltar.
Ao vela, o xefe dos xacios
fíxoa, no intre, matar
e logo seguidamente
mandouna descuartizar.
Aínda hai en Vilar de Ortelle,
se alguén as quere mirar,
as ruínas da morada
á que a xacia foi casar.

Cantigas e cantos de Pantón (1994)


sábado, 5 de novembro de 2016

Canto aos castros de Pantón

Vellos castros das lendas e dos soños,
de mouros e de encantos,
de doncelas fermosísimas
peiteándose ao sol nas mañás claras,
arcas misteriosas, gardadoras
de marabillosos tesouros
que despertan a cobiza
adormecida no corazón da xente.
¿Cabe máis riqueza que vós mesmos
que abrides, coa vosa chave de ouro,
a porta da nosa fantasía
alonxándonos da tristeza
e do paso monótono dos días,
abrindo o nos espírito ao imposíbel?
¡Ouh castros de Amboade, Amedo, Bazal,
Burnugueiras, Castelo de Marce, Castillón,
Guende, Guítara, Santa Mariña, Ortelle,
Toldaos, Vilamirón e Vilaxilde...!
¡Ouh Castro de Ferreira urbanizado,
escoitando as campanas das bernardas,
corazón e cabeza destas terras
ordenando horizontes, nubes e paisaxes!
Sodes catorce castros, número emblemático
de temperanza e de xustiza.
Catorce capitais das vellas tribos
dos nosos ancestros máis lonxanos.
Catorce castros sodes.
Catorce coroas
reinando soberanas
sobor da máxica beleza
do país marabilloso de Pantón.

Cantigas e cantos de Pantón (1994)

domingo, 18 de setembro de 2016

Bosque de auga

Espadana delgada,
irmá do xunco,
espada fráxil:
non soñas, non
con guerras
ou batallas.
Unicamente queres
escoitar as aves,
amparar galiñoas,
parrulos e labancos.
Fraga mínima de agua,
pequeno bosque
onde cantan
e demoran os ventos
que rizan e agariman
as ondas da lagoa.

Poemas para dicirlles a dúas lagoas (1994)



luns, 23 de maio de 2016

O eco de ouro

O eco lentísimo dos meus pasos
resoa quedo, mainamente
na Fraga do Ollo
case desnuda polo vento.
Tripo a terra con tino
e sentidiño:
                    non quero
luxar, ferir ou magoar
o fantástico ouro que o Outono
derramou xeneroso sobre o chao.

Poemas para dicirlle a dúas lagoas (1994)


sábado, 21 de maio de 2016

Recenden os lirios

Cantigas das freiras bernardas do mosteiro de Pantón

Miñas doñas xentís, señoras freiras,
como orballo tremante nas roseiras.
- ¡Como recenden os lirios!

Miñas señoras freiras ben louvadas
como a luz do mencer nas alboradas.
- ¡Como recenden os lirios!

Miñas señoras freiras silenciosas
como a sombra das rosas ruborosas.
- ¡Como recenden os lirios!

Miñas señoras freiras rezadoras
na claridade de todas as auroras.
- ¡Como recenden os lirios!

Miñas señoras freiras, pregos místicos,
acesos de arroubos eucarísticos...
- ¡Como recenden os lirios!

Miñas señoras freiras, día a día,
bordando, cecais, monotonía...
- ¡Como recenden os lirios!

Miñas señoras freiras, tan lonxanas,
descifrando a mensaxe das campanas.
- ¡Como recenden os lirios!

Miñas señoras freiras, rostro fino,
cos ensoñares postos no divino...
- As monxas soñan martirios
mentres recenden os lirios.

Cantigas e cantos de Pantón (1994)



domingo, 14 de febreiro de 2016

Cancionciña dos tres ríos

O Miño, o Sil e o Cabe
pasan cinguindo Pantón
de xeito lento, suave.

O Miño, grande e caudal,
leva apreixado a Pantón
na maxia do seu cristal.

As augas do vello Sil
dícenlle á terra asombrada
a súa canción máis xentil.

O Cabe, ledo e xeitoso,
cando pasa por Pantón
síntese máis fachendoso.

O Cabe, o Sil e o Miño
son, en Pantón, maina voz,
¡un doce, tenro aloumiño!

Cantigas e cantos de Pantón (1994)

sábado, 13 de febreiro de 2016

Augas Santas, Augas Santas...

Cantiga para ir de romaxe a Augas Santas

A Augas Santas irei polo setembro
para ollar, madre, aquel que lembro.
      - Coitada como eu vivo.

A Augas Santas irei beber na fonte
no mesmo lugar onde el se encontre.
      - Coitada como eu vivo.

A Augas Santas irei á fonte clara
e atoparei, madre, a quen amara.
      - Coitada como eu vivo.

A Augas Santas irei á fonte limpa
onde vai beber que ben quería.
      - Coitada como eu vivo.

A Augas Santas irei á fonte pura
onde poderei matar esta secura.
      - Coitada como eu vivo.

Cantigas e cantos de Pantón (1994)


luns, 8 de febreiro de 2016

A semente da lagoa

A miña lagoa é a de Cospeito, deitada
ao pé da de A do Monte, rebrillando
como moeda enormísima de prata
ou milagreiro espello: debaixo
da súa delicada pel de vidro e lúa
agáchase un país de marabilla,
habitado por oucas, espadanas,
curriolas, cecais corais, ornando
os xardíns das cidades sulagadas
-Beria, Valverde, Lucerna luminosa-
que visitei con ollos asombrados
e o corazón ateigado de alegría.
Urbes encantadas: sementeivos
coa flor do sentimento sempre.
Tal semente froitificou en fantasías,
anceios, degaros, saloucos, soedades,
soños, melancolías e tristezas
que foron conformando pouco a pouco
o feble xunto amarelo que son eu.

Poemas para dicirlle a dúas lagoas (1994)


domingo, 4 de outubro de 2015

Lagoa de Cospeito

Outro dos espazos vitais do autor eran algúns humidais da contorna chairega, aos que escribiu tamén un poemario:

Lagoa de Cospeito calada baixo o ceo
reflexabas o sol con brillos aceirados,
recollías na túa escusada intimidade
o paso das nubes e dos ventos,
o canto dos paxaros e a voz humana
riquísima, potente e prodixiosa.
Todo o tiñas gardado nos arquivos
secretos e misteriosos que posúes
nos eidos subacuáticos.
Ti, Lagoa,
meditabas, cantabas e soñabas cecais
con ser andoriña, labanco, labandeira
e erguer, graciosamente, o voo
perdéndote no azul purísimo da tarde
ata ser tan só un punto branco
fundido, confundido, diluído
coas nubes de neve e algodón.
¡Quen puidera, de novo regresar
á paz, á quietude e ás lembranzas
como ave que retorna ao niño seu
co peito ardendo de desexos
e os claros ollos cegados de infinito!

Poemas para dicirlle a dúas lagoas (1994)