Vellos castros das lendas e dos soños,
de mouros e de encantos,
de doncelas fermosísimas
peiteándose ao sol nas mañás claras,
arcas misteriosas, gardadoras
de marabillosos tesouros
que despertan a cobiza
adormecida no corazón da xente.
¿Cabe máis riqueza que vós mesmos
que abrides, coa vosa chave de ouro,
a porta da nosa fantasía
alonxándonos da tristeza
e do paso monótono dos días,
abrindo o nos espírito ao imposíbel?
¡Ouh castros de Amboade, Amedo, Bazal,
Burnugueiras, Castelo de Marce, Castillón,
Guende, Guítara, Santa Mariña, Ortelle,
Toldaos, Vilamirón e Vilaxilde...!
¡Ouh Castro de Ferreira urbanizado,
escoitando as campanas das bernardas,
corazón e cabeza destas terras
ordenando horizontes, nubes e paisaxes!
Sodes catorce castros, número emblemático
de temperanza e de xustiza.
Catorce capitais das vellas tribos
dos nosos ancestros máis lonxanos.
Catorce castros sodes.
Catorce coroas
reinando soberanas
sobor da máxica beleza
do país marabilloso de Pantón.
Cantigas e cantos de Pantón (1994)
Ningún comentario:
Publicar un comentario