Cando expiraba en Galicia
o período medieval
o pobo fixo xustiza
en irmandá comunal.
Pois os nosos Irmandiños
co gran Roi Xordo por guía
saíron polos camiños
na busca dun novo día.
Foi a Irmandade Galega
unha unidade do pobo.
¡Foi a xustiza que chega
traguendo un sol puro e novo!
Baixo o mando de Lanzós
ningún castelo quedou.
¡Galiza sen torreós
a si mesma se mandou...!
E unha forza poderosa
a fe do pobo mantiña.
¡Foi unha xeira gloriosa
a da Revolta Irmandiña!
As rúas do vento ceibe (1979)
Ningún comentario:
Publicar un comentario