Como andoriña que, un ano e outro ano,
volta ao mesmo lugar facer o niño
tamén eu volto sempre
ao amado torrón da miña tribo.
É doce, fermoso, emocionante
recoñecer homes, recendos e camiños,
familiares campanas, vellos soños
que un coidaba mortos e enterrados,
perdidos nun alén de sombra e nada.
Esta, e non outra, é a miña terra
na que acouga o meu canso corazón,
a que coñece e ama o meu espírito.
Cando non teño diante dos meus ollos
a presencia total, terreal e carnal
da miña tribo: os soños meus
percorren, un a un, os sus recunchos
e son eu, entón, lameiro e labradío,
camelia e toxo, eido familiar;
lembranza e luz dos defuntiños;
onda, murmurio e espadana do Miño;
voz parroquial; aquel carballo vello
que vive no Curro do Cepelo,
furado polo peto, para que o vento
se poida agachar nos seus buratos.
Ou son cedro, amigo dos paxaros,
que meu avó plantou na horta de Hortas.
O camiño é unha nostalxia (1983)
Ningún comentario:
Publicar un comentario