Amosando publicacións coa etiqueta Oráculos para cavaliños do demo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Oráculos para cavaliños do demo. Amosar todas as publicacións

domingo, 24 de febreiro de 2019

A onde quer que eu vaia


A penas sei da luz. Xa non me lembro
do preciso alfabeto dos amañeceres.
Ando moi inseguro polas incertas
raiolas do luar. Sempre me perdo
no cintileo de estrelas e luceiros.
O resplandor brutal dos meridias
estivais agrédeme e aniquílame.
Amo, con fidelidade e intensidade,
os ouridourados solpores do Outono.
E gardo, no máis fondo de min,
para iluminarme e para alumarme,
o gris cinza que cega á miña tribo.

Oráculos para cavaliños  do demo (1986)

xoves, 1 de decembro de 2016

Roi Xordo

Roi Xordo, capitán, xérmolo e soño
que agromou, fermoso e fraternal,
nesta sombría tribo: labarada
de irrefreábel paixón purificante.
Un lóstrego cegou a creación.
Ardeu a terra.
Ilumináronse
os osos dos noso defuntiños.
Rebentou de novo a Primavera
como nunca os nacidos a lembraran.
Pero logo voltaron os miñatos
sementar a tristura e o non ser.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)

martes, 22 de novembro de 2016

Arcadia

Durante toda a miña vida andei
a soñar, longa e fondamente,
coa Arcadia marabillosa, lonxana
e lexendaria.
Viaxei á Grecia
e, con ollos atentos e avarentos,
contemplei a Arcadia: é unha
paisaxe de oliveiras e penedos,
gris e brava, onde hai un pobo,
pequeno e miserento, chamado
Paradisus: nada menos.
Todo
era árido, pobre e desolado.
Entón pechei os ollos cara afora
e abrinos cara adentro.
E puiden
ollar a Arcadia feliz e verdadeira.

Oráculos cara cavaliños do demo (1986)


martes, 8 de novembro de 2016

Revelación

Acontece, en raras ocasións,
que sentimos ferida
a nosa intimidade.
O desacougo róenos:
desequilibra e altera
a nosa paz, conmove
á nosa nada silandeira
e vainos murchando
as rosas máis banais
e aviventando estrelas
que estaban apagadas.
Entón un innominado,
confuso deus descoñecido
pode falarnos. E salvarnos.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)

mércores, 19 de outubro de 2016

Ideais

¿Onde os ideais e os moi altos
e ceibes soños xenerosos
que eran falcós voando sobre
o noso vivir sobresaltado?
Caeron as follas do Outono
e vasoirados foron
cos refugallos e os lixos.
Non nos inmutamos nin sofremos.
Nós seguimos tan tranquilos,
tristes, mediocres e infelices.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)

mércores, 28 de setembro de 2016

As horas

¿De que lugar veñen as horas?
O seu corpo está feito
de luz, de aire e nada.
Foxen por descoñecidos
e irreais camiños cara
a un alén de néboa e auga.
Nunca nos foi dado ollar
o seu corpo translúcido
e invisíbel. Nin tocarlle,
lixalo co noso calor humano
e co noso suor perecedoiro.
Adiviñamos e intuímos que,
se puidésemos ollar a face
núa dunha hora, un non era
quen de resistir a súa
pureza fría. E morreríamos.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)


mércores, 29 de xuño de 2016

Mito

Unha pinga de orballo,
o recendo da rosa,
a memoria dun xesto,
o tremor dunha sílaba,
permanecen no tempo,
grávanse a lume e ar
na conciencia daqueles
máis atentos e lúcidos
e fanse mito.
                      ¡Mito!
Único símbolo posíbel
que os deuses poderosos
aceptan e comprenden.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)

luns, 27 de xuño de 2016

Palabras

Palabras hai que desacougan,
mancan,
queiman como un ácido
ou ferro ao vermello-vivo,
no lugar que máis doe
e que máis fere.
Un ten que botalas fora de si
para que enfríen e sexan,
un intre só, punto de lume
no grande xelo do mundo.
Acontece, ás veces, que esta
nosa palabra desvalida
se fai canto e sentimento
aos que se lles nega
presencia e eternidade.
O sentimento pasa.
E o tempo deixa morrer
a queimante palabra en desamparo.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)


mércores, 8 de xuño de 2016

As cousas

Teño usada moita vida
en ollar, observar
e interpretar a fala
opaca, escura,
enigmática das cousas.
Nunca se entregan
doadamente. Precisan
amor e un tempo lento
e íntimo. Non se dan
enteiras. Só deixan
ollar anacos mínimos
do que son,
dun xeito
escuro e lostregante.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)

mércores, 23 de marzo de 2016

As cousas

Teño usada moita vida
en ollar, observar
e interpretar a fala
opaca, escura,
enigmática das cousas.
Nunca se entregan
doadamente. Precisan
amor e un tempo lento
e íntimo. Non se dan
enteiras. Só deixan
ollar anacos mínimos
do que son, dun xeito
escuro e lostregante.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)


sábado, 5 de marzo de 2016

Anceio

Un sabe que non cabe no mar
o seu anceio.
                           Nin a terra
ou a bóveda celeste teñen
capacidade para contelo.
Foxe de súbito.
                           Vai a lonxe.
Procura on sei que: unha
fonda sede que non se pode
matar nunca xamais.
                                    Sempre
volta desiluso, canso
e moi tristoño.
                            E falamos
fantasticamente, é dicir:
con rigor e verdaade.
                                   Se acaso
un día non voltase iríao
procurar, amiga,
                                   na sombra
delicada do contra-soño teu.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)

mércores, 13 de xaneiro de 2016

Indecisa luz

Gastamos a nosa vida, intre a intre,
os soños máis puros e máis nidios
só en amar a terra e interpretar
o total significado das súas palabras,
a mensaxe da súa música
e a clara transcendencia
dos seus rumores mainos e sutís.
Atopámonos despois de tantos anos,
cunha luz indecisa e tremelante
e non sabemos, nin adiviñamos,
se serve para matar as alboradas
ou para alongar a vida dos solpores.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)

mércores, 30 de decembro de 2015

Ítaca

Cando ollei xurdir, entre o azul
incríbel do ceo e máis do mar,
a illa mítica de Ítaca,
co seu lombo de egua ou arroaz,
quedei estantío, trasvirado
a mundos de viaxes e aventuras
vividos na infancia xa lonxana.
Lembrei a Penélope e a súa teia.
Evoquei tamén ao cauto Ulises
e a firme fidelidade do seu can.
De súbito envolveume e posuíume
o arraigado amor á miña tribo.
E sentín un desexo inevitábel
de regresar para sempre e non saír
da illa melancólica que eu son.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)

luns, 14 de decembro de 2015

Desterro?

Síntome desterrado dentro de min,
mesmo na fronteira do non ser
onde a melancolía se fai mágoa
e a única seguridade é a incerteza.
Ata min chega o mundo externo
como un rumor a penas perceptíbel.
¿Onde está a beleza e a maxia,
fonda e escura, da palabra?
                                            Onde
a paisaxe que un ama e recoñece?
Nada queda xa dos libros sacros.
Un comeza a cavilar sobresaltado
se a vella, amada tribo, non será
só ringleira de sombra e de fantasmas.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)

domingo, 8 de novembro de 2015

Biografía dunha folla

Este poema ben podería adicarse a aqueles/as que voan do fogar, estudar ou traballar fóra, coma folliñas que deixan a árbore na que se criaron...

Biografía dunha folla

Agromou a folla. Naceu
para ollar con asombro
ao universo e para
clarificar á Primavera.
Escoitou a música
enfebrecida e delicada
dos paxaros. Tremeu
de desexo e de paixón
cos agarimos mainos
e sutís da brisa
recendente e invisíbel.
Contemplou enviso
a máxica floración
de todo canto existe.
Deuse ao estío.
Ao chegar o Outono
desprendeuse da árbore
que a ataba e, sen máis,
botouse mundo adiante.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)


mércores, 28 de outubro de 2015

Entrega

Andei a esculcar, ano tras ano,
con atento e delicado ouvido,
a voz de cada ser ou cada cousa:
o cintilante sorriso do orballo,
a sinfonía do día baixo a luz,
a palabra sacramental dos ríos,
a cifrada mensaxe das estrelas,
os latexos da noite,
o sutil pestanexar da rosa,
o rumor das nubes camiñantes,
o doce fluír do noso sangue,
a animación de todo o inanimado.
E podo afirmar coa boca chea:
paisaxes, cousas e animais
falan galego.
                      Só en galego
se pode comprender e posuír
en total plenitude esta terra.

Oráculos para cavaliños  do demo (1986)

luns, 19 de outubro de 2015

Outonecendo

Sinto como vou outonecendo día a día,
abríndome a un vento un pouco frío
para que percorra de vagar
esta nación minúscula que eu son:
pequeno territorio en soidade
iluminado só, amiga miña,
polo doce calor da túa tenrura,
agora e sempre chama poderosa.
O vento anda os meus camiños,
habita os meus xardíns,
galopa as miñas fragas interiores,
vai despindo os meus carballos,
deixando sen follas -ouro e cobre-
as vides íntimas para perderse
no esguío caudal dos meus regueiros.
O meu sol é case ouridourado.
Vou cara ao inverno. Con certeza sei
que os meus ollos, un día, serán neve.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)

martes, 13 de outubro de 2015

A visita inesperada?

Cada persoa pensa na morte de xeito diferente, e mesmo vai cambiando esa percepción co paso do tempo e coa perda dos seres queridos. Aquí quedan estes versos de Manuel María, tan leves como a chegada desa visita, inesperada sempre:

Morte

Sospeito que morrer é
desterrar soidades,
borrar lembranzas,
prescindir da paixón,
afogar melancolías,
alonxar para sempre
fantasías, soños,
medos, latexos,
fechar pesadamente
os ollos e quedar
imóbel, frío,
branco e translúcido:
perfecto como a neve.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)

domingo, 20 de setembro de 2015

Metáfora actual

Seguro que podemos ver reflectida nestes versos algunha situación de dramática actualidade. Percorrer camiños de incertidume é o que fan miles de persoas no mundo no seu tránsito dun lugar a outro, e moitas veces, non hai retorno posible...

Camiño

Marchamos camiñando silandeiros
por un deserto tenebroso,
arredados da extraviada tribo
que ergue o seu corazón
a imaxa dun ídolo de barro,
retrato fiel do seu inimigo.
Nós procuramos a lonxana luz,
só raiola incerta e dubidosa,
coa absoluta certeza de que
o camiño de ida non ten volta.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)

mércores, 9 de setembro de 2015

O fogar, a tribo, sempre

E a tribo do Manuel homenaxeouno de novo onte en Outeiro, onde repousa

Aquí ergueuse un fogar. E nel
ardeu o lume. As súas faíscas
cintilaron un intre. Voaron
como estrelas pequeniñas
na firme procura dun destino.
Tamén, un día, amamos á beleza
e deixamos que a súa luz
nidia, exacta e verdadeira
nos ferise forte e fondamente.
Entre a ruína dos nosos febles,
senlleiros corazós permaneceu
o rescaldo da fogueira que
a través dos anos nos quentou.
E algunhos de nós aínda agardamos
luz e salvación para a nosa tribo.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)