Cando ollei xurdir, entre o azul
incríbel do ceo e máis do mar,
a illa mítica de Ítaca,
co seu lombo de egua ou arroaz,
quedei estantío, trasvirado
a mundos de viaxes e aventuras
vividos na infancia xa lonxana.
Lembrei a Penélope e a súa teia.
Evoquei tamén ao cauto Ulises
e a firme fidelidade do seu can.
De súbito envolveume e posuíume
o arraigado amor á miña tribo.
E sentín un desexo inevitábel
de regresar para sempre e non saír
da illa melancólica que eu son.
Oráculos para cavaliños do demo (1986)
Ningún comentario:
Publicar un comentario