luns, 28 de decembro de 2015

Aos inocentes

A sorna típica do pobo galego materialízase nestes versos de Manuel María, que só os inocentes poderían interpretar de xeito literal:

Oda aos labregos

Nestes días primeiros de Nadal
nos que as xeadas debuxan
marabillosas figuras nos vidors
das fiestras e o ar é un coitelo,
penso nos labregos.
                                  Penso
no ben que o pasan nos seus lares,
tan deliciosos, cómodos e quentes.
Matino nas corredoiras limpas,
iluminadas, cumpridas e asfaltadas.
Cavilo na fermosa vida das aldeas,
no envexábel dos días campesiños.
E, sobor de todo, medito longamente
no divertido que é ir apañar
nabos -o gando ha de comer-
baixo a choiva xeada e o corisco
ou baixo o tan poético
mantelo branquísimo da neve:
a xistra quéntalle os osos
e condecóranlle as maos os sabañós.

Odes nun tempo de paz e de alegría (1972)

Ningún comentario:

Publicar un comentario