- Ouvean lobos na serra.
O río baixa xeado.
¡Non hai ferrado de terra
que se atope desnevado!
Non teñen pacido os gados.
O corisco roe forte.
¡Están xeados os prados
e as ovelliñas na corte!
- ¡Ti olla ao ceo! ¡Na altura
unha estrela a relumbrar!
¡Sinto en min unha dozura
dentro da alma a medrar!
- ¡Hoxe naceu un Neniño!
¡Naceu o Fillo de Deus!
¡Heille de dar aloumiño
e darlle os amores meus!
Naceu pobriño, ¡tan pobre!,
ao frío como o centeo.
¡Nin un só capizo cobbre
ao meu Reiciño do Ceo!
¡Vede un milagre! No ar
hai unha gran claridade
e escóitanse anxos cantar:
"¡Paz aos de boa vontade!"
¡Están luceiros brillando!
¡As estrelas alumean!
¡O río baixa cantando
e os lobos xa non ouvean!
Panxoliñas (1992)
Ningún comentario:
Publicar un comentario