venres, 23 de setembro de 2022

Raiceiras


Lembro con gran garimo ós meus avós
Antonia, Manuel e máis Consuelo

que me tapaba sempre cun mantelo
e me arrolaba con versos e canciós.

Manuel e Antonia eran os de Outeiro.
A miña aboa Consuelo A Quiroguesa,
a nai de miña nai, de verba acesa,
tiña un falar fermoso e cantareiro.

Foi, miña avoa Antonia, espello fiel
da camelia, da rosa, da azucena,
da xenerosidade e da enteireza...

Cando ela faleceu, o avó Manuel
entroulle tal dolor, tan grande pena
que morreu de saudade e de tristeza.

Sonetos á Casa de Hortas, 1997


sábado, 10 de setembro de 2022

Degaro


Quero, pra alumarme, a tua sorrisa:
esa luz maina e tépeda
que me agarima como veludo o corazón.

Xa ves, amiga miña: eu estou só
e na noite escentilan as estrelas.
E os meus soños percuran os teus soños.

Teño un sabor a fel na miña língoa
namentras non escoito as tuas palabras
que caen en mín como unha choiva tépeda.

Esquence, amante, a tua soidade.
Date a mín
que eu te cinguirei como unha hedra.

Sinto agallopar por min salvaxes poltros:
é a miña vida madura esligando
por agarimarte toda como un vento.

Recorre a miña alma enteiramente
e que os teus beizos
me veñan xa matar esta impaciencia.

Entre a arxila e a luz (1957)

In memoriam para quen o inspirou, Saleta. 



xoves, 8 de setembro de 2022

Aínda vixente


Digo, na madurez do meu Outono:
¡nós somentes podemos ser galegos!
Estaríamos tolos, xordos, cegos
se, como cás, seguimos algún dono.
Temos que despertar do noso sono,
liberarnos de raposos e morcegos,
abrir novos camiños, fondos regos
e ser, xa de vez, lóstrego e trono.
Ser galego é ter nidia lembranza
dun pasado misérrimo, tristeiro
e gardar o futuro na memoria.
Ser galego é poñer a confianza
nun triunfo popular, total e enteiro,
capaz de mudar a nosa Historia.
                  Poemas ao Outono (1977)

domingo, 10 de abril de 2022

Xuntoiro celeste

Nubes que van e que vén.
Nubes que veñen e van.
O voso secreto afán:
¿que fondo misterio ten?

Nubes altas, fachendosas
ou nubes a ras do chao
que podo apañar coa mao
como flores das camposas.

Nubes grandes e pequenas,
nubes belidas e feas
¡en xuntoiros e asembleas
contando gozos e penas!

Nas nubes quero habitar.
Nas nubes quero vivir:
¡non teño medo a ir e vir
e non me asusta aterrar!

      Compendio de orballos e incertezas (1991)

sábado, 19 de marzo de 2022

Madeira de irmán

O cedro da horta da Casa de Hortas

(Outeiro de Rei)


Meu lanzal cedro senlleiro 
que naciche en Pontedeume:
¿gardas lembranza en Outeiro
das doces augas do Eume...?

Cando meu avó e padriño
te prantou na horta de Hortas
¡eras un cedro noviño
de ponlas febles e cortas!

Cedro xentil, labarada
de delicada elegancia:
¡ti fuche o meu compañeiro
nos días da miña infancia!

¡Non hai arbre tan fermosa
nin ponlas tan cantareiras,
nin pousada máis xeitosa
prás anduriñas lixeiras...!

As estrelas fan o niño

no teu cimo, meu irmao.
¡E se te estiras un pouco
tocas o ceo coa man...!

Como eres tan xigantón
falaron de derrubarte.
¡Eu sempre dixen que non
e loitarei por salvarte!

Se a sorte, cega e arteira,
chega a rematar contigo:
¡eu pídolle á túa madeira
que baixe á terra comigo!

Terra Chá (1954)


luns, 31 de xaneiro de 2022

Lembranzas

 Era fermosa... Si, era moi fermosa
a Noiteboa cando o pai vivía
e, despois de rezar un longo rosario,
ceaba en paz toda a familia.
Era fermosa a ilusión con que os nenos
agardábamos a vinda dos Reis Magos.
Era fermosa a primavera e os niños
de ouriol eran fermosos. O campo
da Santa Isabel, dende abril ao outono,
era fermoso. E o día da festa era
a data máis feliz de todo o ano.
Era fermosa a Carballeira, o son
das campanas nas mañás, o río
e o centeo, en maio, a flolear.
Todo o pobo era fermosísimo.
Era boa e fermosa aquela vida.
Pero ti, ai doce amiga miña,
¡non estabas aínda perto de min!

Remol (1970)