sábado, 3 de xuño de 2017

O lugar da luz e da música

A horta foi xardín ledo, moi fermoso
e limitaba coas nubes e coa aira.
Nun recanto medraba unha abelaira
e noutro, un cedro xigante e poderoso.

Nós lembramos aquel edén umbroso:
a claudieira, a cerdeira e a mazaira
nas que a brisa -música lizgaira-
arrincaba un son ledo e señardoso.

Naquel edén, á sombra do loureiro,
rebentaban os nosos ensoñares
con mainos cintilares de luceiro.

Alí non sentía coitas nin pesares:
¡eu era o universo, o mundo enteiro
ateigado de luz e de cantares...!

Sonetos á casa de Hortas (1997)


venres, 2 de xuño de 2017

Sireas na cidade

Cando brúa unha sirea
polas rúas da cidade
a xente ponse inqueda
e perde a tranquilidade.

Cando brúa unha sirea
co seu estridente son
¡a xente sinte a angustia
baterlle no corazón...!

Cando brúa unha sirea
con barullo escandaloso,
todo o mundo se pon triste,
silandeiro e temeroso.

Cando brúa unha sirea
de ambulancia ou policía:
¡o seu berro é un coitelo
de folla aceirada e fría!

Cando brúa unha sirea
de policía ou bombeiros:
¡o seu bruar mete medo
cos seus laídos tristeiros!

As rúas do vento ceibe (1979)

xoves, 1 de xuño de 2017

O saúdo dos altos cumes

Nestas soidades nidias do Xistral,
na compaña de nubes e lavercas,
veciño do Cadramón e a Pena Guía,
ollando o nacemento do Masma,
do Eume do Landrove, eu só son
unha palabra, un chío, un case nada
varrido polo vento e a chuvia.
Desde aquí adivíñanse e saúdanse
os altos cumes da Galiza:
Pía-paxaro, Pena Trevinca, Faro,
Pico de Avión, Pena Corneira,
Serra de Meira, Ancares, Manzaneda,
singular e senlleiro Pico Sacro
ferido polo lóstrego e a lenda.
Teimo e cismo no Cristo de Fisterra,
no San Andrés de Teixido,
na Nosa Señora da Lanzada,
na Santa Marta de Ribarteme,
na Santa Isabel de Outeiro de Rei,
na Señora Saleta de Astureses,
na Virxe da Barca e no Corpiño.
Enchenseme de brétema as lembranzas
e unha nube inmensa de tristura
cae, como unha sombra, nos meus ollos.
Sinto a acesa canción dunha laverca
coa súa voz de luz e terra namorada:
trátase da ave prodixiosa que
canta, desde o século trece,
na inesquecíbel cantiga do Rei Sabio.

Versos do lume e do vagalume (1982)


mércores, 31 de maio de 2017

O lobo

Ven o señor Lobo
-¡que medo, neniño!-
polo monte abaixo
¡e asusta o camiño!

Trae lume nos ollos;
nos dentes coitelos
tan ben afiados
¡que dá medo velos!

¡Qué dá medo velos;
arrepío ollalos...!
¡Ven o señor Lobo
con instintos malos!

Anda paseniño
con pasos calados.
Años e ovellas:
¿estarán gardados?
Ven o señor Lobo
con paso seguro:
¡a luz dos seus ollos
fura no escuro!

Escóitase lonxe,
perdido entre matos,
na soidá do monte,
oular de lobatos.

Chega o señor Lobo.
A súa ollada fría:
¡pon os pelos dereitos,
o sangue arrepía...!

O sangue arrepía,
o corazón xea:
¡está o señor Lobo
venteando a aldea!

            Os soños na gaiola, 1972

sábado, 20 de maio de 2017

Fame de amor

¿Vén familia de fame ou de que vén?
Fame de amor, de fe, de claridade,
de beleza total, de eternidade.
Fame de aquel que tivo e xa non ten.

Non quero misericordia de ninguén:
amar por compaixón é caridade.
Un prefire pasar necesidade
que renunciar a ser home de ben.

A familia é o desexo do perfeito
onde queremos gozar lar e abrigo,
seguranza, compaña, amor e teito.

Mais a familia tamén é ese amigo
que, xenerosamente, está contigo
sen ollar intereses nin proveito.

Sonetos á casa de Hortas (1997)

mércores, 17 de maio de 2017

Chairegos caudais

Unha vez máis -e sempre, sempre-
os meus ríos menores
cruzan o territorio máis fondo
de min mesmo: Río Pequeno,
de Robra ou Santa Marta:
tres nomes para un só
caudal feble e calado.
... e o Ladra...
O Ladra, puro, chairego e xogoral,
clamando sublevado contra
a terra e o ceo: como un can
poderoso, silvestre e vagamundo.

Ritual para unha tribo capital de concello (1988)

martes, 9 de maio de 2017

Quiroga na memoria

Pídoche a ti, Quiroga, os teus outonos,
broslados de acesos ouros esvaídos
e de prodixiosos cobres ben luídos
pola luz da nostalxia e dos ensonos.

Ben ollas, amor meu, que somos donos
duns máxicos días florecidos,
fermosos, absolutos, ben compridos
no que verdade son amor e sonos.

Unha luz delicada, tenra e doce,
xurde no corazón como un renovo
cun moi fino recendo a mel e mosto.

A vida faise enlevo, amor e goce.
¡E namentres bebemos viño novo
acendemos o lume dun magosto!

Sonetos ao Val de Quiroga (1988)

xoves, 27 de abril de 2017

O sono que envolve

Feito estás, Outeiro, dunha seda
máxica, pesada choiva anterga,
auga lene, clara, fuxidía
e música lenta, imperceptíbel,
se solpores que se menten en nós
cunha melancolía maina e agridoce.
Escurísima pucharca de quietude:
inmobilízate un pesado sono
do que sei, con certeza,
que non será ensoño endexamais.

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)

luns, 10 de abril de 2017

Os amores

Non podo, Outeiro, tribo de meu,
luz e morte miñas, imaxinarte
sen Saleta. Ela chegou a ti,
olloute. E abriuse ao teu amor.
Ti décheslle o teu asombro puro,
o teu nu latexo emocionado,
a voz comunal das túas campás,
o murmurio litúrxico do Miño
e a prodixiosa canción do merlo
máis xentil e fermoso, que vive
nas altas soidades do Cepelo.
E os tres -Saleta, a tribo e eu-
somos, xa para sempre endexamais,

a terra puro, canal e apaixonada.

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)

domingo, 9 de abril de 2017

Lugares de encontro

Foi o comedor de abaixo o preferido
para xantar de vrao. O resto do ano
comíase na cociña, tras do escano,
ao amor dun fogueirón ben acendido.

O comedor coas xentes de cumprido
mostraba o seu rostro máis humano:
sentíase satisfeito, ledo, ufano
ao librarse da soidade e do olvido.

Na cheminea queimábanse piñeiros,
freixos, mágoas, toxos, silvas, bidos,
lixos, morrallas, carballos, amieiros.

Aínda hoxe, na cheminea, arde e fumea
a escoria incombustíbel dos olvidos.
¡Que fume tan cheirento!¡E non lapea!

Sonetos á casa de Hortas (1997)

sábado, 8 de abril de 2017

O quiosco da memoria

Os mandamais -cegos, xordos, insensíbeis-
ordenaron derrubar o vello quiosco
da praciña, en que tocaban as bandas
de Bonxe, Asteriz, Vilacendoi,
e Paderna deu ao ar, en ocasiós,
a luz dos versos seus, que se pousaron
nalgún fráxil corazón estremecido.
Vello quiosco, de xisto e ferro mol,
de forma octogonal como unha estrela,
altar onde os meniños
poñiamos de oferenda os nosos soños
coa ilusión de que algún día fosen
a flor delicada máis fermosa
ou un forte carballo sonoroso.
Asasináronte dun xeito escuro e vil.
Mais ti, quiosco meu,
humilde corazón da miña tribo,
só morrerás se é que te borran
da teimosa memoria colectiva.

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)

martes, 4 de abril de 2017

Ao lonxe, os cumes

Tribo miña sen montes nin montañas.
Perto a ti, o Cordal de Chinto, leve
e breve. Na lonxanía, o ergueito
Picato de San Claudio de Aguiar,
os montes de Abadín, a Serra
da Corda. E a da Carba. O horizonte
é azul-mar, marrón e verde-malva.
E pon, nos nosos ollos de bois
mansos, unha luz soñada e irreal,
con que apenas podemos acender
as nosas pobres e pálidas lembranzas.

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)

sábado, 18 de marzo de 2017

O misterio

O cuarto do reloxio era o santuario,
a estancia de respecto, a máis coidada,
a máis grande tamén e a máis amada
onde acontecía só o extraordinario.

Era o lugar da festa de do velorio,
o espacio da mágoa e da alegría,
o lugar reservado para un día,
unión de permanente e o transitorio.

Cunhos tictac seguros e profundos
aquel vello reloxio imperturbábel
marcaba vidas, séculos, segundos...

Habitado de enigmas, grave e serio,
inquedante, cumprido, impenetrábel:

¡o cuarto do reloxio era o misterio!

Sonetos á casa de Hortas (1997)

xoves, 16 de marzo de 2017

Tristes e brutais

Os meniños eramos tristes e brutais.
Tiñamos un curioso aspecto
de rosas murchas, queimadas
por unhas xeadas sen piedade.
As nosas gargalladas resultaban
feroces como ouveos. Non sabiamos
sorrir. Fuxiamos como animais
salvaxes e asustados. Eramos crueis
cos cás, cos gatos e os paxaros.
E só nos divertiamos pelexando,
divididos en bandos e a cantazos.

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)

venres, 10 de marzo de 2017

Ensoñacións de seda

O verde das Pradelas da Fonte ten
suavidade de seda e luz virxe
de mencer: desperta en nós
o desexo de ollar medrar o prado
e presenciar, sorprendidos
e asombrados, como o aire e a auga
se fan herba fermosa e delicada,
veludo por onde poden camiñar
as nosas ensoñaciós convalecentes.

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)

venres, 17 de febreiro de 2017

Pouco cantareiro

Outeiro silandeiro, xordo e mudo,
nunca tiveches a ledicia,
o consolo e a beleza da canción.
Endexamais, de que se saiba,
inventaches unha cántiga.
E podreces por dentro,
aínda que por fóra teñas
a graza, lene e delicada,
dun ramalliño apenas florecido.

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)

luns, 13 de febreiro de 2017

Ríos menores?

Unha vez máis – e sempre, sempre-
os meus ríos menores
cruzan o territorio máis fondo
de min mesmo: Río Pequeno,
de Robra ou Santa Marta:
tres nomes para un só
caudal feble e calado
...e o Ladra...
O Ladra, puro, chairego e xogoral,
clamando sublevado contra
a terra e o ceo: como un can

poderoso, silvestre e vagamundo.

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)

domingo, 29 de xaneiro de 2017

A paixón acesa

Velaquí no que teimo, no que cismo
en darme como son: baril, enteiro,
algo salvaxe, rexo e verdadeiro
deica lindes de morte e paroxismo.

Eu non quero ver, non, o propio abismo,
o meu ser tebregoso e silandeiro,
nin camiñar somentes un vieiro
que comeza e remata sempre o mismo.

Instálome no amor, ábrome á vida
como se acende para a luz o caravel
en viva labarada estremecida.

Tomade esta fogueira, esta ferida:
unha arraigada paixón sempre fidel.
¡E esta fonda experiencia compartida!


Poemas da labarada estremecida (1981)

mércores, 25 de xaneiro de 2017

Ser miñoto

Este poemiña non só serviu de referencia para titular o primeiro disco do grupo Os Minhotos, senón que tamén explica o nome desta formación de música folk con orixe chairega.

O sacro Miño, co seu paso de boi
e o seu enigma de deus ignoto
e misterioso, deume a súa lenta
música solemne, con que vou
iluminando a pobreza
das miñas palabras sen luír:
herdo, vencello, revelación
da nosa tribo, única chave
con que podemos abrir o noso ser.
Diante do pai Miño un queda
abraiado. E sente, no máis fondo,
o inefábel. Un non pode ser
máis que miñoto. Pinga de auga.

Cando o mar foi polo río (2015)


venres, 20 de xaneiro de 2017

Responso por unha Academia

Xace eiquí unha Academia.
De nena atacouna a anemia
e acometeulle a diglosia.
Sempre foi inmovilista
e, ¡cómo non!, bilingüista.
Viviu en pura ortodoxia
de costas ao seu país.
¡Sufriu arteroesclerosis
e morreu dun paralís...!

Cantos rodados para alleados e colonizados (1976)

luns, 16 de xaneiro de 2017

O frío

O grasneo feroz das avefrías
polas nabeiras de Senxildes,
cubertas de xeo branco e duro,
entraba no noso feble sangue
de meniños pasmados e indefensos
cun forte arreguizo estarrecente.
Tiñamos frío e medo. E o lume
triste, fumento e vacilante
da lareira era, para nós,
un máxico e perfecto paraíso.

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)

domingo, 15 de xaneiro de 2017

Arraigamento

Estamos chantados na vida sen saber,
ollando o que está á beira nosa
con cansados ollos rutinarios.
Non profundamos
na esencia das cousas e do mundo.
Ás veces desexamos ser penedo,
regueiro, vento ou nube
e camiñar sen rumo nin destino.
Mais non nos imos. Non. Permanecemos.

A luz resucitada (1984)

sábado, 14 de xaneiro de 2017

Simbiose natural

Eras unha forza natural, firme,
segura e desatada. O universo,
adaptábase a ti perfectamente.
Un microcosmos, doméstico
e pechado, entregábaseche.
Respostabas, dun xeito xusto,
á escura chamada da natureza.
A terra todopoderosa
mandaba en ti. E obedecíache.

As lúcidas lúas do Outono (1988)

venres, 13 de xaneiro de 2017

In memoriam

Semellábaste ao toxo, á carqueixa
e á carpaza. Áspera por fóra,
coa tenrura aberta cara adentro,
poderosa e agresiva como o ouro
rabioso e incendiado das chorimas.
¿Que estraño mundo vivía acochado
no teu fondo? ¿Qué íntimo segredo
gardaba a escuridade do teu ser?
Evoco e lembro especialmente
a túa persoal sorrisa irreversíbel
que se clarificaba co reflexo
da delicada luz que tiñas dentro.

As lúcidas lúas do Outono (1988)

venres, 6 de xaneiro de 2017

Os outros reises

Facíamos a matanza un par de veces:
unha polo Nadal, outra por Reises:
era un rito antiquísimo. As súas leises
cumpríanse tal cal, sen rixideces.

¡Que animais enormes e lustrosos!
¡Que gusto daba ollalos ben lucidos,
estouraban de grosos e mantidos:
non había porcos máis fermosos!

¡Qué desolada tristeza oír e ver
aos marraus ben cebados e chillós
inutilmente negándose a morrer!

¡Mais que alegría a festa dos roxós
e posuír un bon celeiro para ter
os lacós, os chourizos e os xamós...!

Sonetos á casa de Hortas (1997)

domingo, 1 de xaneiro de 2017

Amigo para a eternidade

              III

Amigo Manuel María,
escoita ao vello Paderna:
¡o verso que non se sinte
é un carballo sen cerna!

               IV

Nós somos como árbores
que están sobor da terra.
¡Vén o vento da morte
e a todos nos dobrega!

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1980)