Amosando publicacións coa etiqueta 2012. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 2012. Amosar todas as publicacións

mércores, 28 de decembro de 2016

Ferido de morte

Mortalmente ferido vou polas
palabras,
perdido no seu mar
de néboa e vento,
alumado polo seu sol
crepuscular de media noite.
Vou gastando, sen máis,
o fabuloso e máxico caudal
das marabillosas palabras
que me deron,
derramando o seu ouro,
usando
a súa imprecisión suxeridora
dun xeito cego e inconsciente.
Chegará un día no que xa
estarei baleiro e non
terei máis palabras para gastar.
Con todo sempre gardarei
a palabra máis íntima
e máis pura
para poder nomear ao meu amor.

Os lonxes do solpor (2012)


martes, 13 de decembro de 2016

Amo esta terra

Amo esta terra desnuda e luxuriosa,
a terra que nos ten e nos devora:
esta amante fatal que nos namora
coa súa graza lixeira e poderosa.
Amo esta dona que cala, ri e chora,
que se mostra atrevida e pudorosa,
que produce a camelia e mais a rosa
e que, logo da noite, trae a aurora.
Amo esta marabillada terra en flor,
as lúcidas lumieiras do sentido
e o delicadísimo lume do amor.
Só, de verdade, vale o amor vivido:
aquel que pode vencer a nosa dor
e liberarnos da nada e do olvido.

Os lonxes do solpor (2012)

domingo, 30 de outubro de 2016

A orixe verdadeira da humanidade

A terra é a nai que nos xerou
e nos pariu. A muller desexada,
a que nós amamos e ela nos ama.
A beleza soñada e conquistada.
O noso pasado é terra.
A nosa historia só é terra.
Terra o noso futuro. Non hai máis.
Non hai, non, máis soño, fantasía
ou verdade absoluta e transcendente:
humus = home/muller = humanidade.

Os lonxes do solpor (2012)

domingo, 5 de xuño de 2016

A luz do corazón

A única palabra verdadeira
que se escoita unha vez
en toda a vida:
                        aquela
que revelan os deuses
vaise adelgazando,
luíndose, perdendo a súa
imprecisa materia corporal,
facéndose lixeira,
translúcida,
in-mar-ce-sí-bel
até que se converte
en rosa, lúa, caravel
ou preciso salouco dun paxaro
que nos enche de luz o corazón.

Os lonxes do solpor (2012)

venres, 22 de abril de 2016

Brisa máxica de abril...

Esta brisa máxica de abril
da que nacen as rulas
e as lavercas,
feita coa luz da primavera
e coa derradeira ollada
das últimas camelias,
trae un recendo virxe
de menceres intactos
e un latexo
de días aínda non usados:
que palabra purísima
poderei crear para nomeala?
Que palabra ou silencio
para dicir con xusteza
o seu
tremor de lúcida alborada?

Os lonxes do solpor (2012)


luns, 4 de abril de 2016

Esborrallándoo todo

Seica fomos aniquilando os mitos,
contaminando o mundo,
esborrallando os soños,
dispersando a tribo,
uniformando todo,
perfeccionando o ego,
practicando a soberbia,
masificando a vida,
empobrecendo a fantasía,
alongando a dor inutilmente,
violando a íntima e sagrada
autenticidade
da nosa propia morte
e procurando, como tolos,
outros mundos no espazo
pois esta terra que nos deron
xa vai resultando inhabitábel.

Os lonxes do solpor (2012)


domingo, 28 de febreiro de 2016

Perder a palabra

O pobo que deixa perder a súa palabra
creada, herdada, usada, revelada,
aquela que lle é propia e singular,
a que é unicamente súa,
está empobrecendo o mundo
e perpetrando o seu propio xenocidio.
Ese pobo vil
ollará aniquilada as súa lembranza
e o seu nome indigno
borrarase, sen máis, do universo:
hai agresións á beleza e ao espírito
que a vida non tolera nin perdoa.

Os lonxes do solpor (2012)

xoves, 18 de febreiro de 2016

Faísca de eternidade

A terra é inocente, pura, inexorábel
mais o seu secreto instinto
obrígaa a elixir
                                                   e faise
árbore,
                         rocha,
                                                   nube,
mar, paxaro, peixe ou ser humano.
Cando a terra se pon a soñar
                                      e se conmove
chega, dun xeito fatal e necesario,
a un altísimo grao de lucidez:
a materia vóltase nidia, luminosa
e entón                          -unicamente entón-
é cando acada a súa máxica
faísca              esencial             de eternidade.

Os lonxes do solpor (2012)

sábado, 2 de xaneiro de 2016

Escuras palabras

Da fonte misteriosa e escusada
da nosa intimidade agroma
a auga das palabras:
unhas son escuras
e outras teñen unha luz
estraña, firme e cegadora.
Acontece entón
que as palabras máis claras
son escuras.
                      E as escuras
non acadan nunca o resplandor
nidio e cintilante das máis claras.


Os lonxes do solpor (2012)

domingo, 29 de novembro de 2015

A palabra, defensora o silencio

Non hai nada no mundo, nada
tan fondo, lúcido e fermoso
como a nidia claridade
da palabra.
Ouh: a palabra!
Maxico paxaro deslumbrado,
floración da vida,
sangue caudal e luminoso,
marabillosa lembranza
do tempo feliz do paraíso,
certísima memoria do futuro.
Un ama até aos límites
o impenetrábel misterio
do silencio
e, para defendelo, usa
a forza poderosa da palabra.

Os lonxes do solpor (2012)

luns, 26 de outubro de 2015

A luz da palabra

 Non sabemos se primeiro foi
a luz ou a palabra,
a palabra da luz,
a luz da palabra,
a palabra sen luz,
a luz sen a palabra.
Mais a palabra ten luz
e pode, quizais, acontecer
que a luz non ten palabra.

Os lonxes do solpor (2012)

venres, 9 de outubro de 2015

A palabra do poeta

Os bardos, a diferenza da maioría dos outros mortais, fan máxica esa pequena ferramenta de comunicación que é a palabra:

Levamos toda a nosa vida amando,
a palabra,
loitando coas palabras,
en guerra coas palabras,
tentando vencelas,
denudalas
e ficar apenas
coa lúcida pureza da palabra
para que sexa unicamente
claridade,
                 música,
                               resplandor,
tremor puro
que poida
mover e conmover a creación.

Os lonxes do solpor (2012)


venres, 11 de setembro de 2015

Días de incertidume esperanzada

Na noite escura estou, na incertidume,
neste absurdo foscor do non saber,
na agarda esperanzada do mencer
e no silencio total da servidume.

E, polo tempo, navego sen saber
abandonar nunca máis este costume,
este degaro fiel que me consume
e me empurra calado pró non ser.

Non sei como loitar contra o escuro.
Mais síntome moi firme, ilusionado,
aínda que mortal, triste, inseguro.

Co corazón ergueito e namorado,
cara ás néboas incertas do futuro:
andando vou, senlleiro e resignado.

Os lonxes do solpor  (2012)


domingo, 16 de agosto de 2015

Compromiso

O autor de Outeiro de Rei manifestou o seu compromiso vital poeticamente en numerosas ocasións; esta composición dos seus últimos tempos exemplifica ben esa actitude:

Mentres corra polas miñas veas
o sopro máxico da vida
                                    estarei
firme e de pé como unha árbore
-freixo, carballo, bidueira-
para que se pousen en min
todas as tribos dos paxaros
e circule o sangue meu
con ritmo de chíos e cancións.
Nas miñas polas rumorosas
acollerei os ventos para que
me conten novas do seu peregrinar
polo largo mundo.
                                     Polas noites
recollereime en min e soñarei
contigo,
             acompañado e vixiado
pola luz cintilante das estrelas.

Os lonxes do solpor (2012)