Amosando publicacións coa etiqueta A luz resucitada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A luz resucitada. Amosar todas as publicacións

sábado, 8 de abril de 2023

A palabra

 

Nós, de verdade, unicamente temos
a palabra. Só a palabra verdadeira
pode traducir a pechada
e insondable soidade do noso ser.
Só a palabra, a propia,
a que pertence á nosa lingua.
A que amamos. A que usa,
coñece e recoñece a nosa xente.
Sen a palabra sería a pobreza,
a miseria total, a impotencia
a escuridade e o non ser.
Mais hai quen manipula, forza,
retorce, desfai e prostitúe
o auténtico senso da palabra.
Hai quen minte. E aínda hai
o frío, feroz asasino da palabra.


                    A luz resucitada (1984)


sábado, 15 de decembro de 2018

Cultivar soños melancólicos

No Club de Lectura da Casa-Museo de Manuel María, hoxe unha das lectoras recitou, entre outros versos do autor de Outeiro, este poema que serviu de peche á sesión na que comentamos Ardalén, de Miguelanxo Prado. Se tivestes o pracer de ler esa novela gráfica, decatarédesvos do ben que encaixan estas verbas coa historia que conta. Se non o lestes, non esperedes máis para facelo!

Pastoral

Non hai ningún oficio tan fermoso
como o de pastorear as palabras,
abrir o sentimento cara
a flor dos días máis felices
que recenden a liño fresco,
a mazá reineta e a nostalxia.
Uso os meus outonos, mentres
vou pouco a pouco envellecendo,
en cultivar soños melancólicos,
revivir paisaxes coñecidas
e alumarme por dentro: iluminarme 
co resplandor da luz que máis amei.
            
A luz resucitada (1984)

domingo, 15 de xaneiro de 2017

Arraigamento

Estamos chantados na vida sen saber,
ollando o que está á beira nosa
con cansados ollos rutinarios.
Non profundamos
na esencia das cousas e do mundo.
Ás veces desexamos ser penedo,
regueiro, vento ou nube
e camiñar sen rumo nin destino.
Mais non nos imos. Non. Permanecemos.

A luz resucitada (1984)

xoves, 22 de decembro de 2016

Xardín para as lúas invernais

Un sinte dun xeito fondo, lento,
silandeiro e nostálxico como
vai anoitecendo o propio corpo
e quedan lonxe, a penas soedade,
o caravel aceso da paixón
e as rosas vermellas do instinto.
Outono meu, azul dourado;
estrela do luceiro, Venus clara,
amiga dos tristes e dos tolos,
confiovos todo canto teño: un
pequeno tesouro de lembranzas
para que as fagades florecer
e que, o seu sutil recendo, sexa
o meu xardín nas lúas invernais.

A luz resucitada (1984)

xoves, 8 de decembro de 2016

Ave fénix

Endexamais din ao vento
as levísimas cinzas
das usadas lembranzas,
nin o remol das rosas
abrasadas de amor
ou a escura borralla
dos soños mal soñados.
Estremecidas cinzas
que gardo a cal e canto,
con tino e sentidiño,
no escusado celeiro
das cousas máis amadas.
E conservo esas cinzas
para poder sementalas
de ensoños e nostalxias,
pois todo o que existiu
terá resurrección
cara a unha luz moi clara.

A luz resucitada (1984)



venres, 2 de decembro de 2016

Tenrura

Pouco importa que a ave da esperanza
ou a chispa amarela do desexo
crucen por nós como un salouco
par converterse en néboa
ou sombra esvaída na lembranza.
O que de verdade importa,
amada e irrenunciábel compañeira,
é a chama delicada da tenrura
coa que alcendemos o lume
no que queimamos a monótona
tristeza dos días e onde arde,
serea e mansamente, a árbore
fidel e rumorosas da nosa propia vida.

A luz resucitada (1984)


xoves, 17 de novembro de 2016

Mensaxeira fuxidía

Bolboreta

Bolboreta: vas, vés, volves
a ir e volves a fuxir
voando en círculo, indo,
vindo, voando de novo
e outra vez revoando
nun espazo reducido,
sempre arredor da luza
que te acena e chama
con fulgor irresistíbel,
coa súa chama mortal
que te aniquila,
¡ouh pequena, delicada,
fráxil bolboreta voadora:
don, oferenda, mensaxeira,
do deus dos intres fuxidíos!

A luz resucitada (1984)

xoves, 13 de outubro de 2016

O anxo da miña garda

 Anxo da garda, custodio
dos meus afás de neno:
eras loiro e miúdo,
con mofletes redondos
como balugas de manteiga,
usabas un nimbo dourado,
un vestidiño azul e rosa,
unha espada de lume
e unhas azas febles
de abella ou bolboreta.
Lembro as nosas conversas
en longos ensoñares
entre a vixía e o sono.
Hai xa moitísimos anos
que non sei nada de ti,
anxo da garda, centinela
fiel da miña infancia.

A luz resucitada (1984)


xoves, 22 de setembro de 2016

A Saleta

Non sei como agradecer tanta tenrura,
tantos días usados en común,
tantas horas de plenitude,
tanta beleza que enterraches en min,
tanta luz gastada simplemente
en ollarme envellecer: oficio duro,
doente, fatal e inevitábel.
Eu só teño, para celebrar a túa
nidia e inmarcesíbel primavera,
esta melancolía señardosa
semellante, cecais, a unha camelia
e as palabras murchas e acedas
que intentan florecer nos meus poemas.

A luz resucitada (1984)

mércores, 21 de setembro de 2016

Rosas

Sempre a rosa. Sempre:
a forma,
a cor,
o recendo,
a luz,
a perfección da rosa.
Prefiro a rosa vermella.
E amo a rosa branca
porque cando lle digo
simplemente: ROSA,
entorna os ollos,
trema
e ruborece.

A luz resucitada (1984)

luns, 19 de setembro de 2016

Vagalume

Meu pequeniño vagalume,
verme verde:
ti soio contra a noite
vas polos vieiros
co teu nada de luz,
humilde e verdadeira,
¡faísca dun ensoño,
a penas po de estrela!

A luz resucitada (1984)

sábado, 17 de setembro de 2016

Camiños

En memoria de quen percorreu o monte para loitar polos seus soños e os de toda a sociedade tolleita polas leis dun estado inxusto e criminal. 

Camiño firme cara á luz
coa incerta decisión
de ignorar os camiños.
Sei que a luz é verdade
e que os camiños van
dende a néboa á brétema
e nunca teñen volta.
Nós case non somos.
Nin fomos nin viñemos.
E unicamente os soños
son exactos e certos.

A luz resucitada (1984)

venres, 26 de agosto de 2016

A casa

Este meu corpo: habitado fogar
coas portas ben abertas
para que entren por min
as músicas de perto,
os rumores de lonxe,
os ventos peleriños, o mundo
externo, complexo e variado.
Manteño as miñas fiestras
interiores sempre iluminadas
para guiar e amparar
aos errantes soños vagamundos.

A luz resucitada (1984)

venres, 19 de agosto de 2016

Á noite

Hai unha noite soio nosa: galega,
certa, inmensurábel, abraida,
ateigada de maxia misteriosa,
de seres entre reais e irreais,
revelaciós, altos oráculos
e unha estraña música que canta
no noso ser, crente e dubidoso.
Noite ambigua de brétemas e tebras
e un sutil medo, fino e delicado,
aquecido pola luz pálida da lúa
e as brasas frías das estrelas.
A noite galega é toda néboa:
envolve, apalpa, olla, escoita
e ignoramos se empeza ou se remata.

A luz resucitada (1984)

mércores, 17 de agosto de 2016

Dúbida

Hai intres escuros nos que un
sinte apagado o entusiasmo:
chove, chove e xea na nosa
máis escusada intimidade,
un longo inverno inacabábel
enfusca o noso corazón
e as palabras dos outros
chégannos alleas e lonxanas.
¿Cómo podemos, pois, decídemo,
abrirnos de verdade aos demais
e recuperar para sempre
a fe, a sorrisa e a alegría?

A luz resucitada (1984)

mércores, 10 de agosto de 2016

Nubes

Unha nube é un fume melancólico,
un río do revés,
unha ameaza de tronada,
un inalcanzábel paraíso,
un soño a medio construír,
un máxico espello viaxeiro,
unha ave estraña e ceibe,
un enorme salouco xigantesco.
Mais un vive nas nubes
e nunca revelará o seu segredo.

A luz resucitada (1984)

sábado, 30 de xullo de 2016

Gaivota

Nube, sal, rocha chumbenta,
sol e brisa,
pesada levedade:
os teus brazos son
azas longuísimas
que non puideron nunca
fatigar ao ar, teu vencedor,
¡ouh música de trebón,
trono de escuma!
Moi triste asunto é oír
eternamente ao mesmo mar,
máis é un fondo gozo,
un alto don dos deuses
ter, por único destino
e fiel amizade confidente,
unha soia gaivota. Soio unha.

A luz resucitada (1984)

domingo, 24 de xullo de 2016

O viño mouro

Viño mouro que semellas a noite
ou os roibós acesos do solpor,
don eucarístico e pagano
ao que o meu ceo da boca
coñece, saborea e ama.
Nesta vida feble e fuxidía
somentes temos tres compañas
fronte ao noso radical desamparo:
o amor, o viñiño e a amizade,
trindade perfecta
que fai do home existente
consciente de ser e de vivir.
¡Ouh viño, amigo e compañeiro,
esencia e flor da terra,
lume e forza do sol:
penetra, queima, abrasa
as miñas veas tépedas
e faime claro e ledo o corazón!

A luz resucitada (1984)

venres, 3 de xuño de 2016

Cervo

Cervo en liberdade, luz e aire:
ábreste docemente como
unha raiola de lúa enfeitizada
na terra carnal dos nosos soños
e fas sagrado o bosque rumoroso.

A arboreda xentil que te coroa,
grave e lene -tal a brétema-
é a única alborada que pode
facer agromar do corazón
unha música pura e misteriosa.

Cervo que baixas con urxencia
a nidia limpidez da auga fría
para cumprir o rito de beber
as cores o os misterios da mañá.

Cervo, camelia tremelante,
marabilloso Outono en plenitude:
convérteste en espello,
salouco lonxano e esvaído,
lene melancolía vagorosa
e fulgor que cega: como o lóstrego.

A luz resucitada (1984)

luns, 28 de marzo de 2016

O desexo

Sinto o sangue fervendo, alporizado,
un océano de lume
avanta incontíbel polas veas,
semella que os miolos
van -de súpeto- a estourar.
Un queda sen folgos
cos beizos resecos e sedentos:
é o desexo ouveando, afiando
navallas e coitelos, alcendéndonos,
queimándonos,
facendo faiscar os nosos ollos
e poñendo en pé ao ser do noso ser.

A luz resucitada (1984)