Anxo da garda, custodio
dos meus afás de neno:
eras loiro e miúdo,
con mofletes redondos
como balugas de manteiga,
usabas un nimbo dourado,
un vestidiño azul e rosa,
unha espada de lume
e unhas azas febles
de abella ou bolboreta.
Lembro as nosas conversas
en longos ensoñares
entre a vixía e o sono.
Hai xa moitísimos anos
que non sei nada de ti,
anxo da garda, centinela
fiel da miña infancia.
A luz resucitada (1984)
Ningún comentario:
Publicar un comentario