As brétemas de Outono son cendal,
un longo, pacientísimo traballo,
un tecido de soles con orballo,
un mantelo azul, soñado, fantasmal.
O regato seco é o máis caudal,
máis alto o toxo que o carballo
e o camiño máis breve que o atallo.
A vida non é recta: ¡é espiral!
¿Será Outono un mastro ergueito,
un vivir sinxelo, limpo e puro
e non un miserento circo estreito?
Saberei que todo está xa feito
se Outono melancólico e maduro
me decora de brétemas o peito.
Poemas ao Outono (1977)
Ningún comentario:
Publicar un comentario