sábado, 8 de outubro de 2016

O bardo de Outeiro

Na metade do deserto era Paderna
a luz lizgaira e benfeitora,
a palabra sagra, a fantasía,
a chave para abrir o tesouro
que a tribo tiña xa esquecido,
o enorme amor para comprender
as cousas visíbeis e invisíbeis,
a perfecta flor marabillosa
que se murchou caladamente.
A súa mensaxe escrita está
na inocencia da auga fuxitiva,
na pureza do vento e das estrelas.
Para recibila abonda só
con abrir os ollos cara adentro
e escoitar o canto inquedante
do noso ser máis fondo, onde
agroma a fonte manantía
dos nidios ensoñares verdadeiros.

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)


Ningún comentario:

Publicar un comentario