Arrabuñar na terra é anceiar amor.
O amor está en un, na propia terra
como se en nós nacera unha roseira
e falara un anxo deixándonos estantíos.
Vivir é dar amor. Un deu o seu amor
e a vida agora é unha luz
que ilumina gozosa a propia tebra.
¡Que ledicia sentir como unha luz
alumada, calada, as nosas roitas!
Como a luz recente da Primavera
cuia ledicia me chega enteiramente
así a miña vida. Non abondaría
toda a luz do amor en min metida
se a amiga non tivera algo máis fondo:
o que couta de si, que non é meu
e que vén desfacerse en soedade.
É como si as aves, de súpeto, naceran
e cantaran agora todos os paxaros
e o mundo enteiro se desfixera en luz.
Por iso é verdadeiro o meu amor,
e ten razón de ser o meu vivir.
¿Decátaste agora? ¿Dáste conta
da ledicia gozosa que en min pesa?
¿Comprendes como se vai abrindo
no máis fondo de min a miña flor?
Mar Maior (1963)
Ningún comentario:
Publicar un comentario