martes, 25 de outubro de 2016

Guerrilleiro

Outra peza de Manuel María musicada por Mini e Mero é este poemiña que se inclúe nunha obra de teatro que o chairego escribiu nos anos 60, pero que non foi representada ata moi recentemente. Nel, unha voz feminina reivindica a figura dos guerrilleiros galegos:

Guerrilleiro da patria asoballada,
famento de verdade
de verdade e de vasoira.
A túa palabra anuncia mallas loiras
e colleitas de luz,
de luz na madrugada.

Ti tiñas primaveiras lembradoiras
e na vida fixeches,
fixeches dura espada.
Pra loitar pola patria, camarada
que silencio sen ti,
sen ti nas corredoiras.

Unha terra de nós é o teu norte,
un pobo traballador,
traballador, ledo e baril.
Unha conciencia
viva, alerta e forte
e abatiute unha bala
unha bala cega e vil
e nós que choramos a túa morte
empuñaremos tamén,
tamén o teu fusil.


Pra loitar pola patria, camarada
que silencio sen ti,
sen ti nas corredoiras.
Guerrilleiro da patria asoballada,
famento de verdade
de verdade e de vasoira.
A túa palabra anuncia mallas loiras
e colleitas de luz,
de luz na madrugada.

A lúa vai encuberta (anos 60)


Ningún comentario:

Publicar un comentario