Amosando publicacións coa etiqueta 1996. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1996. Amosar todas as publicacións

xoves, 2 de xuño de 2016

Canción para o Sil

Meu vello Sil cantareiro,
meu vello Sil cantador,
¡chegas feliz e riseiro,
marchas riseiro e cantor!

Meu vello Sil pelengrín,
viaxeiro e namorado:
¡pasas a ponte en Petín
e ollas o pazo de Arnado!

Meu vello Sil das canciós,
vagamundo e tarabelo:
¿lembras as vellas lexiós
na ponte de Sobradelo...?

Eu quero que me respondas,
vello Sil das aureanas:
¿aínda viven nas túas ondas
as doces ninfas paganas?

Meu vello Sil dos romanos,
detén o paso, non corras:
¿hai lugares máis humanos
que as terra de Val de Orras?

O Miño canle de luz e néboa (1996)

xoves, 26 de maio de 2016

Falan os ríos

Nós, tan humildes, somos ríos pequenos
que bicamos a terra con amor.
Ríos sen gloria que lle damos ao Miño
o noso amor sinxelo: luz e auga.
Damos todo boamente como dá
o paxaro ao vento a súa canción.
Somos só un nome.
Somentes somos grandes ríos
cando nos ten enteiramente o Miño.
Somos unha sombra dunha sombra
cunha lembranza nidia
de árbores, seituras e sementes.
Non somos case nada.
Nin case somos ríos.
¡A nosa almiña de pequenos ríos
fai o poder caudal do Grande Río!

O Miño canle de luz e néboa (1996)


domingo, 6 de marzo de 2016

Memoria da auga

Fala o arado

Eu, arado, para mancar a terra,
para fenderlle a entraña,
para que o trigo e o centeo nazan.
Eu, arado vello, non lembro
o tempo no que viñen ao mundo
para facer humildemente
a deitura dos sucos
polosque imparabelmente corre
a seiva e a vida da campía.

Eu, arado vello, fun carballo
erguido, potente e estantío
e nacín á beira do Pai Miño.
¡Eu, meus amigos,
tamén sei facer pequenos ríos!

O Miño canle de luz e néboa (1996)

venres, 8 de xaneiro de 2016

O río Sil

                    1
           Fala o río Sil
Porque eu nacín tan lonxe
quero morrer galego.
Teño posta a lembranza
no lugar de Cuetos Albos
onde teño fundamento.
Logo as hortas do Bierzo,
de Covas e Pardollar.
¡Terras metidas en min
que non se me esquecerán!
Formo e conformo a paisaxe,
arrolo o viño na vide,
comigo levo a saudade
de moitos pobos e vilas:
¡Pumares e Val de Orras,
Montefurado, Sequeiros,
Quiroga, San Clodio, Rairos,
Nogueira, Amandi, Pombeiro!
Bibei, Soldón, Lor e Cabe
traénme, no seu caudal,
ledas canciós que compiten
coa ave máis principal.
Chego, por fin, a Os Peares,
para poder descansar:
o Miño bótame ao lombo
e sen máis... ¡lévame ao mar!

O Minho canle de luz e néboa (1996)


domingo, 13 de setembro de 2015

Tempo de romaxes

A Romaxe de Crentes Galegos tivo lugar onte en dous espazos máxicos de Outeiro de Rei: Penas de Rodas, na parroquia de Gaioso foi o primeiro; ao segundo deles, o campo da Santa Isabel e a súa ermida -pola que tanto se devanou o poeta cando estaba en ruínas-, vai adicado o poema ao que pertencen estes versos:

A ermida de Santa Isabel de Outeiro de Rei

Ti, ermida de Santa Isabel, tan sinxela,
calada, solitaria e humilde, erguida
na confluencia do Ladra coa do Miño
no meu Outeiro de Rei da Terra Chá:
cristianizas un lugar privilexiado
onde os nosos devanceiros veneraban
o misterio do mundo, o saberse pequenos
e impotente, anque neles ardían
inconmensurabéis desexos de infinito.
Neste lugar sagrado daban culto
aos antergos e humanísimos deuses
das augas, dos bosques e dos ventos.
Os ritos continuaron no tempo.
A nosa xente, xeración tras xeración,
baixo o ardente sol do mes de xulio,
acudía á ermida e imploraba piadosa
farturentas anadas de centeo e de trigo
e que a vida seguira o seu camiño.
O Ladra mostrábase entón máis cantador
e as augas do Miño transportaban
pregos, músicas, tristezas, alegrías
que se facína río, auga lustral
purificadora de mágoas e miserias [...]

O Miño, canle de luz e néboa (1996)

domingo, 2 de agosto de 2015

Terras bicadas polo Miño

Aquí queda o principio deste poema onde o poeta chairego percorre de vagar as terras que atravesa ese camiño de auga que é o Miño:

Terras

Terras ledas, caladas humildes e amorosas
feitas a rella de arado e pan centeo,
de homes escuros que vos aman
deica darvos a vida sen protesta,
queixa, blasfemia, maldición ou laio.
Terras polas que o Miño pasa silencioso:
aínda que vos bica non vos falou de amor,
nunca vos dixo a doce tenrura que leva
chantada como un coitelo nas entrañas.
Terras pacientes, sinxelamente boas,
ás que Abril agarima en vento maino:
dádeslle ao Miño todo o voso amor.

Baltar, Pacios, Liñares, Triabá, Lugo,
Ponte Vilar, Sinoga, Rábade, Mirapeixe,
Outeiro de Rei, Martul e Asteriz...

O Miño, canle de luz e néboa 1996)