Nós, tan humildes, somos ríos pequenos
que bicamos a terra con amor.
Ríos sen gloria que lle damos ao Miño
o noso amor sinxelo: luz e auga.
Damos todo boamente como dá
o paxaro ao vento a súa canción.
Somos só un nome.
Somentes somos grandes ríos
cando nos ten enteiramente o Miño.
Somos unha sombra dunha sombra
cunha lembranza nidia
de árbores, seituras e sementes.
Non somos case nada.
Nin case somos ríos.
¡A nosa almiña de pequenos ríos
fai o poder caudal do Grande Río!
O Miño canle de luz e néboa (1996)
Ningún comentario:
Publicar un comentario