domingo, 1 de maio de 2016

Castro de Viladonga

Castro de Viladonga, aberto aos ventos,
ollando as vagas nubes fuxidías,
illote da altivez e da impotencia
ergueito como o puño dun petrucio
na soidade sen fin da Terra Chá,
habitado por cobras e lagartos,
xestas, uces, toxos e carqueixas
nas que aniña, quizais, a cotovía
e florecen, ufanos, os balocos:
estalos para ninguén, festas da nada.

Castro de Viladonga, círculo máxico,
símbolo do pai Sol e máis da Vida,
feito da mesma terra que o meu corpo,
arraigado no ser da miña tribo
como unha mao nobre e xenerosa
ou colo maternal, pois en Galiza
só hai feituras de colo e mao aberta.
¿Para quén, para qué, por qué
tantísima tenrura derramada...?
Castro de Viladonga, montón breve
de vellas pedras nas que vive
o silencio, a ruína, a soidade:
imaxe xusta e fiel da miña patria.


Versos do lume e do vagalume (1982)

Ningún comentario:

Publicar un comentario