Ti sabes, Outeiro, que eu son Hortas
e recoñécesme por teu, aínda que
non me ames e me trates como alleo.
A miña caste ten os seus ancentros
no teu chao e torneada foi
coa terra túa, moura e xenerosa.
Feito son da laxe coa que os avós
ergueron a casa en que nacín.
Proclámome irmao dos castiñeiros,
das xestas, dos toxos, dos camelios,
das abidueiras, teixos e carballos,
pois alumounos a mesma luz grisenta,
iguales choivas nos luíron
e un idéntico vento conferiunos
o alto don da vida e o da palabra.
Ritual para unha tribo capital de concello
(1986)
Ningún comentario:
Publicar un comentario