luns, 16 de maio de 2016

Poema contra o silencio

Gardamos nos arquivos da conciencia
milleiros e milleiros de silencios
que se encheron de mofo,
                                          podreceron,
caeron ao chao esfarelados
e foron basoirados por obreiros
encargados do aseo da cidade: hai
porcalladas que ofenden gravemente
os olliños delicados dos burgueses.
O silencio é a morte e a impotencia.
O silencio é a tebra é a tristura,
a quebra das palabras e das canciós,
a bancarrota do home e o destino.
Por eso chamo co meu verso
a un exército de xílgaros cantores,
a unha multitude de ríos rumorosos,
a todos os ventos vagabundos
e ás palabras comúns do meu idioma:
-terra/colonialismo/mar/emigración-
acubillado e agachado nas aldeas,
nos tristes arrabaldos das cidades,
no corazón das clases populares.





Compre loitar contra o silencio;
é preciso, urxente e necesario
rematar co silencio dunha vez,
recobrar as palabras
unha
 a
unha,
facer con elas proclamas e canciós,
primaveras de soños e esperanzas,
coiteladas de luz,
voz verdadeira,
que obrigue a camiñar á nosa patria.





Poemas para contruír unha patria (1977)


Ningún comentario:

Publicar un comentario