xoves, 8 de decembro de 2016

Ave fénix

Endexamais din ao vento
as levísimas cinzas
das usadas lembranzas,
nin o remol das rosas
abrasadas de amor
ou a escura borralla
dos soños mal soñados.
Estremecidas cinzas
que gardo a cal e canto,
con tino e sentidiño,
no escusado celeiro
das cousas máis amadas.
E conservo esas cinzas
para poder sementalas
de ensoños e nostalxias,
pois todo o que existiu
terá resurrección
cara a unha luz moi clara.

A luz resucitada (1984)



Ningún comentario:

Publicar un comentario