Asubío delgado como o aire,
raiola de lúa enfeitizada coa
luz mellor da primavera,
rumor de aza sutil de
bolboreta, saeta invisíbel
que fire e escacha o azul
como un cristal, música
elemental enchendo ao mundo
coa súa sinxela maxia
mesmo á beira do prodixio,
milagreira voz do merlo,
do tordo e do malvís.
Asubío xentil: palabra miña
cando o asombro a posúe
e quero expresar o inefábel.
Compendio de orballos e incertezas
(1991)
Ningún comentario:
Publicar un comentario