mércores, 7 de decembro de 2016

Naufraxio selectivo

Nas leves tardes de Outono tan sereas,
ateigadas de silencio e de dozura,
eu vou sentindo, amor, a túa tenrura
igual que lume queimándome nas veas.

O son das aves, o vento e as sereas,
a voz solemne do mar, rouca e escura,
é a voz do amor coa súa fondura,
co seu incansábel ritmo de mareas.

Eu quero vivir o Outono na ribeira
para amistar coas gaivotas e embarcar
nunha dorna xentil, ben mariñeira.

O meu desexo máis fondo é naufragar,
ouh miña boa e sinxela compañeira!,
no teu mar de tenrura. Só no teu mar.

Poemas ao Outono, 1977



Ningún comentario:

Publicar un comentario