sábado, 31 de decembro de 2016

De labarada a brasa

Non somos xa aquela fogueira poderosa
que ardía en nós
con labaradas xigantescas
nos días da nosa xuventude
cando tíñamos por noso
o canto dos paxaros,
a voz amiga de ríos e regueiros
e a compaña
das vagamundas nubes viaxeiras.
Quedan moi lonxe e moi perto
Outeiro de Rei e a Pastoriza,
a nosa Terra Chá,
as paisaxes luguesas, tan amadas,
agora melancolíEnvelleca señardosa,
música nostálxica
que se queima docemente naquel lume
novo e xeneroso que nós fomos,
de chama nidia e fermosísima
como a mapoula, o caravel a rosa.
Ao longo de moitos anos,
no medio da tristura máis vulgar,
mantemos vizosa e recendente
a purísima flor do noso amor
que agora é
unha brasa que non se consome
e non se consumirá endexamais.
Envelleceremos xuntos
e, cando chegue a hora de partir,
o noso amor non morrerá:
hase transformar en brisa lixeira
que en maio canta emocionada
na escura folla das abelairas
ou no sol ourilucente do Outono
que bica ás carballeiras docemente.

Poemas da labarada estremecida (1981)


Ningún comentario:

Publicar un comentario