¡Qué útiles son os funcionarios!
¡Qué fermosura ollalos detrás
das ventaíñas, co seu ar ledo,
vital e deportivo! Son enemigos
da rutina, teñen a alma aberta
a toda innovación, nada lles
arrepía tanto como ser rebaño,
como ir enfiados nun carril.
Pensan por conta propia, toman
iniciativas, interpretan leises,
edictos e decretos. Desvívense
coa xente e soluciónanlle a un
os seus problemas por moi
arrevesados que eles sexan.
Teñen sempre a sorrisa a flor
de beizos. Calculadoras
e máquinas de escribir, entre
os seus dedos, soan o mesmo
que milagreiras violas celestiais.
Pólizas e timbres, nas súas maos,
transfigúranse en cadros de Picasso,
das liñas das instancias e das
letras dos oficios fan poemas
de amor como Neruda. E logo,
¡falan un galego tan correcto!
Odes a un tempo de paz e alegría (1972)
Ningún comentario:
Publicar un comentario