sábado, 20 de febreiro de 2016

Paisaxe lucense

O cerco vello e máxico da cidade,
o río solemne e silandeiro,
a paisaxe de grises,
de azules e de verdes
era grande e pequeno
para conternos.
O aire estaba cheo
do recendo dos nosos bicos,
acesos e fermosos como rosas.
As follas das árbores vibraban
coa tenrura que íamos derramando
dun xeito sinxelo e inconsciente.
Carballo, uces, centeeiras
ollaron como nos amamos
e participaron
tamén no noso amor.
Todos os recunchos da cidade:
os cafés, o Parque, a muralla,
o Monte de San Cibrao
e o Pozo Mouro
fixéronse nosos cómplices
e axudáronnos a afirmar,
consolidar, madurecer
e facer transparente o noso amor.

Poemas da labarada estremecida (1981)


Ningún comentario:

Publicar un comentario