venres, 12 de febreiro de 2016

Cando o autor fala de si

Eu son de Outeiro de Rei,
viliña da Terra Chá,
onde aprendín a viver
e a soñar con libertá.

Teño dous grandes amigos
de trato noble e sinxelo:
o caudaloso Pai Miño
e o regato de Cepelo.

Vivín en Lugo algúns anos,
conseguín ser bachiller
e gastei a adolescencia
en troulear e escreber.

En Lugo atopei, pra sempre,
o meu amor, que é Saleta:
¡comigo a vida non puido
ser máis xentil e perfecta!

Casamos. Quixo o destino
-ou cecais a nosa sorte-
que levemos moitos anos
con residencia en Monforte.



Nós sempre fomos galegos
sinxelos e verdadeiros,
soñadores, trotamundos,
editores e libreiros...

Profesión... ¡procurador!
Ando a exercer como tal
pro sempre usei dese oficio
dun xeito limpo e cabal.

Hai quen dí que son autor
prolífico e incontinente.
¡Ben o sinto! ¡E teño mágoa
de non ser máis competente!

Pra que os leades na casa
e os disfrutedes na escola
escribín con moito amor,
os meus Soños na gaiola.

E aquí sigo: ledo, ufano,
satisfeito de estar vivo.
Mentras o tempo me gasta:
¡paseo, leo e escribo...!

Os soños na gaiola (1972)

Ningún comentario:

Publicar un comentario