A nai enche, coa súa presencia total,
a vella casa: a súa aguda, atenta
ollada profunda e vixiante,
o seu amor un pouco rudo, o seu
garimo por eidos, cousas e animais,
a súa fartura anterga e xenerosa,
o culto puntual aos defuntiños
e a nobre palabra desbordada. A nai
é a terra posta en pé e camiñando,
o ancestral e vivificador lume
da lareira, sempre aceso:
a casa firme, ergueita e permanente.
Ritual para unha tribo capital de concello
(1986)
Ningún comentario:
Publicar un comentario