mércores, 3 de febreiro de 2016

Penas de Rodas

Penas de Rodas: asombro que sempre
ten marabillada á miña xente:
teima á que volto cada día;
fantasía dos meus soños de neno
coa lenda da pena de ouro
e a pena de alcatrán, capaz
de rematar coa terra polo lume;
enormísimos ollos xigantescos
cos que se olla a si mesma
a Terra Chá; círculos astrais
redondos e perfectos como o mundo;
pedras sacras, unxidas algún
día, co sangue novo e ritual
dos sacrificios; aí estades
mudas, caladas e impasíbeis
en loita cos ventos, choivas,
neves, xistras e xeadas, dando
testemuño de que quen ten vontade
de ser e de existir é invencíbel,
¡ouh Penas de Rodas que velades
o espírito ancestral da miña tribo!


Versos do lume e do vagalume (1982)

Ningún comentario:

Publicar un comentario