Son terra. Eu estou feito de terra
e máis de amor. O meu corazón é
un penedo ao que só pode fender
a dinamita. O meu corpo está feito
de vales, de outeiros e de corgas.
O meu sangue é un regueiro, un río,
un océano que canta e se enfurece.
A miña alma é un vento levián.
A miña voz é un chío case imperceptíbel
como o rumor dun regueiro entre
xuncais. ¿Qué queredes de min
políticos, cretos, mandamais,
enxeñeiros, mestres, policías?
¿Qué queredes de min? Eu non
entendo a vosa alma complicada
feita co rombar de aviós,
dos autos, dos trolebuses
e os tranvías. A vosa voz é fría,
feita con cemento e aceiro,
corta como un coitelo, ten o ton
que lle dan os altavoces, o timbre
do voso proveito e nada máis.
Tampouco vós me entendedes.
Non queredes entender o meu idioma
usado por labregos, mariñeiros,
artesás e poetas. É inútil falar.
Non é posíbel. Non xurdirá
o diálogo. Eu son pobre: estou
feito de terra e máis de soño [...]
Eu son terra tan só. Terra galega
con producción, mensura e lindes
apuntados, ben claros, no catastro.
Os únicos que saben de min son
os de Facenda. Os outros, nada.
Remol (1970)
Nós tamén estamos feitas de terra e mais de soño, amiga.
ResponderEliminarNós tamén estamos feitas de terra e mais de soño, amiga.
ResponderEliminar