martes, 15 de marzo de 2016

De aceiro e vento

Nós somos como o aceiro e como o ferro
que, canto máis se afía, mellor corta.
A vida é unha espiral cega e retorta,
angustia silandeira e forte berro.

Somos un vento tolo, folla morta,
carne de desamparo e de desterro
pechada, tristemente, nun encerro
do que non sairemos. Non importa.

Non importa moito esta febleza;
esta vida caduca, tan pequena;
este non comprender e esta tristeza.

Aquí estamos, no chan e na pobreza,
con entrega total e con fe plena,
acreditanto tan soio na beleza.

As lúcidas lúas do Outono (1988)


Ningún comentario:

Publicar un comentario