A fala é comuñón e sentimento,
historia compartida intimamente,
sufrimento de todos,
amor de cada un
e tamén amor de todo o pobo,
laio e canción,
nai que nos abrangue e arrola,
estrela milagreira que nos guía
e fai que os nosos corazóns
latexen xuntos.
A fala é a voz da terra
e máis do mar,
o vencello que nos xungue
no tempo co que foron
e máis cos que han de ser.
Desconfía, ¡ouh pobo meu!,
estén alerta contra aqueles
que deixan a túa fala
e dicen que te aman.
Quen non está contigo
é teu nemigo, aínda
que os seus beizos
che mintan un amor
que nunca alumou seu corazón.
Versos para un país de minifundios
(1969)
Ningún comentario:
Publicar un comentario