martes, 8 de marzo de 2016

Traballadoras dende a noite dos tempos

Balada para María Balteira (fragmentos)

[...] María Balteira, dona do orballo,
flor galega e románica que abriche
o teu recendo de gracia e de beleza
coa mesma naturalidade coa que abre
os seus ollos a alba namorada,
miña señor do corpo ben tallado
como a cerva que vai á auga fría:
quen fía e tece ben lle parece.

[...] María Balteira, dona das estrelas,
río que nunca deixa de correr,
chío da cotovía, voz de reiseñor,
fonte gustosa e benfeitora,
ronsel de resplandores e de lúas,
ouh miña señor do corpo doado
e cimbreante coma un vimbio:
quen fía e tece ben lle parece.

María Balteira, dona das mapoulas,
dos maios doces cando están as rosas
en sazón, sorpresa sempre renovada,
camiño endexamais andado, muller
e pomba ventureira, xograresa,
ouh miña señor corpo fermoso con
recendor a terra e misterio:
quen fía e tece ben lle parece.

María Balteria, dona do segredo,
da pregunta nunca respostada.
María das cantigas de escarño:
quen fía e tece ben lle parece.

O libro das baladas (1978)

Ningún comentario:

Publicar un comentario