Todo o que se viviu...
Todo o que se viviu vai ben gardado
na lembranza. Nada se perde aínda
que se esqueza. Todo vai en nós
pesando e doendo eternamente. Nada
do que hai no mundo nos pode ser
alleo: dende as altas estrelas
deica as follas humildes que vai
matando o outono sen piedade.
Se algo nace no mundo nace tamén
na nosa alma. Cando agroma unha folla
temos máis riqueza. Cando morre
un verme, aínda sen sabelo, entendemos
que estamos máis pobriños. ¿Non
vos decatades dos golpes de alegría
e de tristura que en nós van e vén
supetamente, sen que saibamos explicar
a súa razón de ser, o seu por qué...?
Remol (1970)
Ningún comentario:
Publicar un comentario