venres, 12 de agosto de 2016

Canción da noite

Esta peza, que esta noite soou en Rábade, foi musicada por Milladoiro no seu disco "Unha estrela por guía", xunto con outras composicións do autor de Outeiro de Rei:

A noite está no mundo e está en nós.
A noite é medo, terror e escuridade.
¡Temos que loitar coa noite como os bos
para implantar, no mundo, a claridade!

A noite reina no mundo omnipotente
e a súa boca de sombra quer tragarnos.
¡A noite está con nós eternamente
e temos que vencerla e que salvarnos!

Temos que ir da noite cara ao día.
Temos que vencer a tebra que nos come.
¡Temos que loitar con valentía
coa noite mortal que nos consome!

Hai que vencer a xeada e máis o frío
da noite infernal que nos habita.
¡Temos que rematar co arrepío
da noite inacabábel e maldita!

¡Temos que acabar coa noite escura
se non remataremos por morrer!
¡Temos que batirnos con bravura
e que sexa verdade o amencer!

Canciós do lusco ao fusco (1970)


Ningún comentario:

Publicar un comentario