luns, 29 de agosto de 2016

A derradeira rúa

Será unha rúa virxe
chea de invertidos adolescentes
sen tristezas.
Será unha rúa nova
de mecheiros acesos
coma cancros vivos.
Todas as imaxes
semellaranse aos espellos
máis atroces.
Haberá longas tardes sen colexios
nin cafés cantantes
e un ritmo de tolemia fará esquecer
as burguesas canciós sentimentais.
Haberá alcohol e transatlánticos
famentos de primaveras e sangues.
Nós xa non amamos os pianos
moribundos de esperanzas.
Os beizos das rapazas
serán fiestras vivas
sen saloucos nin ar engalanado
de valses ou de ébano.
Fuxirán as verdades nun pranto
de outonos desesperados,
de tolemia e nostalxias.
Cecais haxa veneno agachado
nas nosas íntimas palabras.
Non vos importe.
A derradeira rúa non terá
poetas nin arcanxos.


Advento (1952) 

Ningún comentario:

Publicar un comentario