Exploro o mundo soterrado das cloacas,
o reino luminoso dos sumidoiros,
o país farturento dos desaugues
e incluso a fértil e turística rexión
na que se queima a porcallada
que, cada día, expulsan as cidades,
como noutro tempo facían
co gafos, apestados e chagados.
[...] este planeta de ratos e cheirumes
é unha realidade exterior e obxectiva
e, por eso mesmo, xa é fermosa.
[...] Existe un mundo de mercurio e
desperdicios,
habitado por vermes cegos, microbios
infecciosos,
virus mortíferos e outras cousas semellantes
descritas por François Villon, século XV
da nosa Civilización cristiana despois de
X.C.,
no seu poema Balada das linguas envexosas,
como ía dicindo, neste mundo sen cromos,
sen cursis paxariños chiando enfebrecidos
arpexos de amorciño azucarado
para unha compañeira á que abandonará axiña,
neste mundo, repito de novo, tanxencial,
descoñecido, marxinado e noxento ata o
sucicidio
é onde leveda a sorprendente espiral da vida
e nace a verdadeira poesía,
ouh febles cantamañás de bolboretas
sicalitípticas
e de arcos da vella pintados ao pastel!
Catavento de neutrós domesticados
(1979)
Ningún comentario:
Publicar un comentario